A Merkel e Rajoy esta segunda feira hanlles pitar os ouvidos: concentración contra as políticas da UE

Á hora na que esta segunda feira 25 de agosto a chanceleresa alemá e o presidente español visiten a Catedral de Compostela, unha concentración na cercana Praza da Quintana rexeitará as políticas de recortes da UE.

Segundo a axenda oficial, esta segunda feira, 25 de agosto, ás 11:00 da mañá Merkel e Rajoy visitarán a Catedral de Compostela, entrando pola porta principal, da Praza do Obradoiro. A esa mesma hora, e ás portas doutra das entradas á Catedral, pola Praza da Quintana, haberá unha concentración convocada por diferentes forzas e colectivos para rexeitar as políticas que impulsan e representan ambos os dous mandatarios.

“Todas esas políticas van dirixidas a favorecer os intereses do capital financeiro. E Angela Merkel é fiel representante destes intereses e a principal promotora no seo da Unión Europea das políticas tan antisociais”, asevera Suso Seixo, secretario xeral da CIG, unha das entidades que convocan o protesto. Por iso, insta a participar na convocatoria da vindeira segunda feira na Quintana, para demostrar a frontal oposición ás políticas de recortes da UE e a Troika.

A CIG chama a esa mobilización para manifestar o rexeitamento “ás políticas promovidas dende a Unión Europea, porque afectan directamente a sectores produtivos básicos da nosa economía, limitando as nosas capacidades produtivas, provocando o peche de empresas e sectores industrias completos, e coartando as posibilidades de creación de emprego digno na nosa Terra”.

Comentarios