Mensaxe para fin de ano de Pontón: “Non escatimaremos esforzos para sacar o país adiante”

Ao longo dos 3:30 minutos de discurso, -que o BNG difunde a través das súas redes sociais-, Pontón traslada unha mensaxe de compromiso de traballar pola recuperación.

Ana Pontón, Candidata do Bloque Nacionalista Galego á presidencia da Xunta da Galiza (Imaxe: Arxina)
photo_camera Ana Pontón, Candidata do Bloque Nacionalista Galego á presidencia da Xunta da Galiza (Imaxe: Arxina)

A punto de concluír un ano “moi difícil” que marcou un antes e un despois, a portavoz nacional, Ana Pontón, opta por primeira vez por un novo formato para dirixirse a todos os galegos e galegas cunha mensaxe de fin de ano.

Ao longo dos 3:30 minutos de discurso, -que o BNG difunde a través das súas redes sociais-, Pontón foise dirixindo a todas as persoas e colectivos máis afectados pola pandemia no sanitario, no económico e no social, e expresou o seu “orgullo” por formar parte “deste gran país que é Galiza, a nación que amamos, construímos e compartimos”.

No seu discurso, a líder nacionalista traslada un compromiso e unha mensaxe de esperanza en nome do BNG. “O compromiso de que non escatimaremos esforzos para sacar o país adiante, de que imos traballar para que Galiza non perda o tren da reactivación económica e social, con propostas en positivo, arrimando o ombro e coa man tendida para superar esta crise canto antes”.

No discurso quixo trasladar unha mensaxe directa aos colectivos máis impactados economicamente pola crise nun momento. Pero para lograr a desexada recuperación, indica a portavoz nacionalista, Galiza deber recibir os recursos imprescindibles para a reactivación económica e social.

“Ese é o obxectivo do BNG cando pide un trato xusto nos orzamentos do Estado, cando reclamamos a xestión directa dos fondos europeos ou cando propoñemos un financiamento que nos permita decidir sobre os nosos cartos. Galiza ten que recibir o que lle corresponde para blindar os servizos públicos, para un modelo de coidados que garanta unha vellez digna, para un ensino de calidade. Para conseguir a igualdade real das mulleres”, salientou.

 “En definitiva: construír un país xusto, no que vivir e traballar”, concluíu, tras felicitar o novo ano convencida de que ““entre todos e todas faremos que 2021 sexa un ano cargado de futuro”.

Comentarios