FICA EN SUSPENSO AO NON ALCANZARSE O QUóRUM

Menos do 10% de participación na votación de Podemos Vigo e Ourense sobre o apoio ás mareas

Continúa a tónica de baixa participación nos procesos internos de Podemos. Desta volta nen se alcanzou o quórum do 10% para dar por bon o referendo cibernético en Vigo e Ourense sobre o eventual apoio ás mareas.

Ao non se chegar ao 10%, a decisión sobre se respaldar ou non as autodenominadas candidaturas cidadás fica en suspenso en Podemos Vigo e Podemos Ourense.

Fontes de Podemos dixeron a Europa Press que o Consello Cidadán Autonómico será o órgao que terá de decidir agora se convoca unha asemblea cidadá local en Vigo e Ourense para tomar a decisión final.

Na Coruña e Lugo si se alcanzou o quórum preciso e a votación resolveuse a prol do apoio ás mareas. Na Coruña, 396 (o 92,52%) persoas inscritas respaldaron a candidatura que vai liderar Xulio Ferreiro, mentres que 32 persoas (7,48%) optaron por votar en contra.

O respaldo á candidatura "Lugo Novo" foi do 60,61% face o 39,39% que tería preferido outra forma de concorrencia ás eleccións. En todo caso, en Lugo só votaron 99 persoas: 66 sufraxios a prol de "Lugo Novo", 33 en contra.

En Vigo emitíronse un total de 246 votos, insuficientes ao ser menos do 10% das persoas inscritas. A situación nesta cidade é especialmente complexa, sendo que Podemos debe decidir se respalda a Vigo en Común ou se inclina por Marea de Vigo. Aquí as candidaturas ditas cidadás van por separado.

Por súa parte, só 70 das persoas inscritas se animaron a emitir o seu voto en Ourense, co cal a votación carece de validez.

A baixa participación nos referendos cibernéticos está a ser a tónica nos procesos verificados até agora en Podemos. De feito, na votación que elixiu Breogán Riobóo como líder galego apenas votou o 20% das persoas con direito a facelo.

Comentarios