Méndez Romeu rexeita o plan do BNG para as Deputacións pero cre que haberá acordo

O portavoz parlamentar do PSdeG considera que os nacionalistas cederán das súas pretensións. Asegura que os pactos serán para que goberne a lista máis votada e descarta que o Bloque presida algún dos entres provinciais.

Méndez Romeu


O portavoz parlamentar do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, rexeitou este domingo o plan do BNG para baleirar de competencias as deputacións como partes dos acordos de goberno. Méndez Romeu descartou a proposta dos nacionalistas de avanzar cara a desaparición dos entes provincias e mostrouse convencido de que cederán das súas pretensións e haberá acordos.

“Habería que modificar a Constitución”, apuntou o voceiro socialista nunha entrevista na Radio Galega, así como que “as deputacións non teñen competencias” porque “están subordinadas aos concellos”, dixo en referencia a petición nacionalista de traspasar funcións á Xunta. 

Méndez Romeu rexeitou tamén a posibilidade de que as deputacións están presididas polo BNG, que nos últimos días manifestou que esa posibilidade estaba aberta na Coruña. “A nosa idea é chegar a un acordo sobre a forza máis votada”, sinalou. Sobre a posibilidade dun acordo global ou de acordos puntuais, apostou por pactar en cada provincia.

Cualifica a saída de Orozco de "chantaxe"

O voceiro socialista arremeteu contra a saída de José López Orozco, esixida por Lugo Novo e BNG para un pacto no concello lucense. Méndez Romeu tachou estas condicións de “chantaxe político” e lamentou a “decisión persoal” do ex alcalde.

Acerca do candidato socialista para as eleccións autonómicas, mostrouse confiado en que será o actual secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro. Descartou o retorno de José Blanco e evitou valorar a candidatura do alcalde de Vigo, Abel Caballero. Con todo, dixo que haberá que agardar ao proceso de primarias.

Comentarios