Concepción Campos, codirectora da Rede Localis

“Os Concellos precisan un mellor financiamento e máis autonomía”

Esta sexta feira tivo lugar a Comisión Galega de Cooperación Local, na que participa a Xunta de Galiza xunto coa Fegamp. Unha das grandes demandas desta última, a modificación dun sistema de financiamento local que outorga ás galegas 51 euros de menos que a media estatal, ficou no esquecemento. Sermos Galiza conversa con Concepción Campos, secretaria local e codirectora da Rede Localis da Universidade de Vigo, sobre as eivas do actual modelo.
Concepción Campos, codirectora da Rede Localis (Cedida)
photo_camera Concepción Campos, codirectora da Rede Localis (Cedida)

A unha semana de que se renove a directiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), este organismo reuniuse coa Xunta de Galiza na celebración da Comisión Galega de Cooperación Local. Nela fíxose un balance dos acordos asinados para a loita contra a avespa velutina ou a limpeza de faixas para a prevención de lumes. Unha das grandes reclamacións da Fegamp desta lexislatura ficou, non obstante, ausente: a modificación do sistema de financiamento local. Un sistema que provoca desigualdades entre Galiza e o resto do Estado: de media, as galegas reciben 51 euros menos que a cidadanía doutros territorios, 212 euros fronte a 263.

Concepción Campos, secretaria da Administración local, estivo presente en 2015 na reunión na que a actual directiva da FEGAMP estabeleceu a súa folla de ruta. “Os medios e o financiamento das administracións locais son do século XX. A Lei de financiamento local foi aprobada en 1988; hai que ter en conta os servizos que os Concellos prestaban entón e os que prestan agora. En 2004 fíxose un remedo, mais no fundamental a normativa continúa a ser a mesma. Os Concellos precisan un mellor financiamento e máis autonomía”, expón Campos. A modificación do sistema de financiamento sempre foi subliñada como unha prioridade.

Un sistema que provoca desigualdades entre Galiza e o resto do Estado: de media, as galegas reciben 49 euros menos que a cidadanía doutros territorios, 104.9 euros fronte a 425,5

Campos é tamén codirectora da rede Localis, unha rama do grupo GEN da Universidade de Vigo. “O proxecto púxose en marcha en 2015, queriamos reunir o coñecemento académico coa experiencia profesional do mundo local”, explica a Sermos Galiza. Unha das propostas da rede Localis para mellorar o financiamento local é que os Concellos podan facer un uso flexíbel do seu superavit, así como contar con fondos fixos e estábeis en troques do sistema de subvencións. “As Administracións locais dependen en exceso delas. Hai ocasións nas que unha subvención, polo motivo que for, non se convoca, pero o Concello non pode deixar de ofrecer o servizo”, abunda Campos.

A Fegamp tamén demanda que se teña en conta a dispersión da poboación como un criterio para a adxudicación de fondos aos municipios, nun territorio que con 5,9% da poboación do Estado posúe a metade de núcleos habitados do territorio estatal. “É fundamental, eu sempre poño o exemplo da recollida do lixo, é un caso paradigmático no que Concellos con moita dispersión teñen que sufragar un servizo máis caro”, afirma.

Transparencia na Administración local

En 2015 aprobouse a Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, que estabelece que a información sobre os contratos, gastos ou débedas das Administracións, tamén das locais, debe ser accesíbel á poboación. “Levamos a cabo un estudo de todos os concellos galegos, e os indicadores sinalan que se foi avanzando, pero que queda por mellorar”, explica Concepción Campos.

Dúas son as problemáticas principais no cumprimento desta normativa. Por unha banda, a información publicada é excesivamente técnica. “É difícil que a cidadanía xeral poda comprendela”, indica Campos. Por outra, moitos municipios carecen das ferramentas necesarias para que esa información sexa máis accesíbel. Para tal efecto creouse o Portal de Transparencia Local de Galiza, do que forman parte 84 concellos e no que participa a rede Localis. "Tamén é importante destacar que calquera cidadán pode solicitar información sobre o gasto do seu Concello ao abeiro desta norma", destaca Campos.

Comentarios