Medio milleiro de persoas participaron na Galiza na consulta de IU: 85% a prol do acordo con Podemos

A nivel de Estado participaron 20.067 persoas, o 28% do censo de militantes e simpatizantes de Izquierda Unida

Esquerda Unida

O 84,8% das persoas que tomaron parte en Galiza na consulta de Izquierda Unida deu o seu apoio a procurar unha confluencia e acordo electoral con Podemos para as vindeiras eleccións do 26 de xuño. Un total de 430 participantes votaron a prol desta opción, por 62 que se posicionaron en contra (10,5%) e 15 que optaron pola abstención (2,5%), segundo dados de IU recollidos por Europa Press.

No conxunto do Estado español foi un 84,5% o apoio a explorar un acordo con Podemos, Votaron neste proceso 20.067 persoas, das que 16.953 apoian ir canda Podemos ao 26X e 2.623 dixeron non. Case medio milleiro abstivéronse. O secretario de Organización de IU, Adolfo Barrena, fixo unha valoración “tremendamente positiva”.

Só votou na consulta o 28% do censo de IU, formado por máis de 70.000 persoas: 22.000 militantes e 48.000 simpatizantes. Barrena recoñece que a participación foi baixa, mais considera que que voten 20.000 persoas é moi importante. Lembra que a participación é 5 puntos superior a respecto da consulta de cando se recolleron os avais para os diferentes documentos a debater na Asemblea Federal de xuño.

Comentarios