Medio millar de persoas de todos os ámbitos asinan un novo manifesto en apoio das listas do BNG

Referentes do activismo social e do mundo da cultura, do sindicalismo e do ecoloxismo, do feminismo e da universidade, chaman a abrir “un tempo novo” encabezado polo Bloque porque, segundo aseguran no manifesto, “estivo sempre pronto a defender os intereses do país”.

BNG candidatura eleccións galegas
photo_camera Candidatura do BNG

Medio millar de persoas de distintos espazos da sociedade galega veñen de asinar un novo manifesto en apoio das listas do BNG. Unha ampla representación de referentes do activismo social e do mundo da cultura, do sindicalismo e do ecoloxismo, do feminismo e da universidade, sumáronse a esta iniciativa en prol da candidatura nacionalista encabezada por Ana Pontón.

“O BNG sempre estivo pronto a defender os intereses do País. Nunca se limitou a ser un simple elemento corrector das políticas nocivas do Estado español e da Unión Europea. Sempre ofreceu alternativas, sempre deu solucións factíbeis, sempre propuxo obxectivos de alcance para mellorar a situación laboral, social, cultural de nós, galegas e galegos”, apuntan no manifesto. 

"Un tempo novoque deixe atrás as políticas impostas, que nos prexudicaron como nación e nos empobreceron como pobo”

A iniciativa chama abrir un tempo novo no país “que deixe atrás as políticas impostas, que nos prexudicaron como nación e nos empobreceron como pobo”. Un tempo novo que, consideran, está representado no proxecto dos nacionalistas. “Presenta un programa claro que busca transformar a realidade e dar solución aos problemas da nosa xente. Un programa avalado polo traballo social e institucional realizado nestes anos e por unha inequívoca traxectoria de coherencia ao servizo da Galiza”.

Entre as persoas asinantes figuran xente do mundo das letras como Ramón Caride Ogando, Manuel Lourenzo Gonzáles, Nacho Taibo, Medos Romero, Cesáreo Sánchez Iglesias, Ramón Nicolás, Xavier Queipo ou Afonso Álvarez Cáccamo;  artistas como Leandro Lamas, Kiko da Silva, O Carrabouxo ou Mónica López Alonso; músicos e cantores como Xaquín Xesteira, Marcos Paino, Xosé Carlos Seráns, Antón Castro, Francisco Amil, Paco Charlín, Tino Baz ou Xurxo Souto.

Tamén sindicalistas agrarios como Manuel da Cal, Xurxo Álvarez ou Elías Somoza; activistas ambientais como Fins Eirexas, Froilán Pallín ou Manuel Domínguez;  na defensa dos animais como Ana Pintos, Ángela Ferro, Isabelle Kerdudo ou Susana Punxín; ou presidentes e integrantes de comités de empresas de todo o país como Isabel Moares (112), Manuel Pozo (Egatel), Milton Pérez (Hospital San Rafael), Pilar López (limpeza Hospital Clínico), Rubén Ramos (Coaga), Alberto Amado (Einsa), Alejandro Mallo (Celsa Atlantic), Ana Guerreiro (Arteixo Telecom), Carme Muíño (Conservas Calvo) ou Rodolfo Fernández (Navantia).

O manifesto chega tres semanas despois do promovido por máis dun centenar de persoas independentes, asinado entre outros por referentes sociais e culturais como Xabier P. Docampo, Carlos Quiroga, Margarita Ledo, Adela Figueroa, África Leira, Pepe Carreiro, Antón Riveiro Coello, Anxos Sumai, Vítor Vaqueiro, Isaac Alonso Estraviz, Ramóm López Suevos, Francisco Sampedro, Francisco Pillado, Helena Pérez ou Antonio Oca.

Comentarios