As medidas anunciadas por Fomento evidencian fallas no sistema ferroviario

A ministra de Fomento aproveitou a súa comparecencia no Congreso para presentar un paquete de 20 medidas para mellorar a seguridade do camiño de ferro. Ana Pastor eludiu asumir ningunha responsabilidade política.

Galiza segue sen contar cun tren de proximidade que conecte as cidades e vilas do interior. (Foto: Nós Diario).
photo_camera tren

Na súa comparecencia de hoxe no Congreso sobre o sinistro ferroviario do pasado 24 de xullo, a ministra de Fomento, Ana Pastor deu a coñecer que se porá en marcha un paquete de vinte medidas para reforzar a seguridade ferroviaria. O anuncio chega cando logo da traxedia de Angrois, que custou a vida a 79 persoas e 130 feridos, puxo os focos no sistema de balizas instalado na curva da Grandeira, o trazado e outros aspectos de seguranza do tren de alta velocidade. 

A ministra evitou en todo momento asumir responsabilidades polo ocorrido, a pesar de ser interpelada a ese respecto polos grupos da oposición. “O factor humano é un elemento fundamental na prestación de calquera servizo”, escusou a titular de Fomento, na liña do defendido polos directivos de Renfe e Adif, que descargan a responsabilidade do sinistro sobre o maquinista. A ministra eludiu a acusación directa e pediu tempo para que as dúas investigacións, a xudicial e a da Comisión de Accidentes Ferroviarios, determinen as causas da traxedia.

Solucións que evidencian problemas

As medidas anunciadas por Pastor poñen en evidencia fallas do sistema ferroviario. Fomento revisará agora as velocidades máximas e as sinalizacións das vías, ademais de estudar a instalación de balizas ASFA de freado automático en tramos similares á curva de A Grandeira. Melloras que supoñen unha asunción das carencias do trazado.

De feito, ADIF instalou días despois do accidente tres balizas provisionais para evitar o exceso de velocidade no lugar onde se produciu o sinistro. O Sindicato de Maquinistas e Axudantes Ferroviarios (Semaf) asegura que alertaron en diversas ocasión da sinalización deficiente no tramo (o único con certa complexidade na ruta Ourense-Santiago), advertencias que non foron escoitadas e que, segundo eles, terían evitado o accidente. 

Outro dos puntos quentes é o relativo a por qué oito meses antes da inauguración do tramo en 2011, publicitado entonces como de alta velocidade, decidiuse modificar o ancho de vía polo da rede convencional. A decisión provocou que o sistema ERTMS, instalado no tramo cun custo de 168 millóns de euros, siga inoperativo a día de hoxe, máis de ano e medio despois. 

Pastor negou tamén, ao igual que os presidente de Renfe e Adif nas súas comparecencias, que os recortes nos orzamentos para infraestruturas influirán no descarrilamento. Algúns técnicos recordáronlles non obstante a redución do persoal de mantemento nos últimos anos.

“O maquinista é o último elo da cadea a seguir, a responsabilidade non debe recaer unicamente sobre él”, declarou neste senso o secretario de Semaf, Jesús García Fraile, en defensa do seu compañeiro. Algunhas das propostas de Fomento van encamiñadas precisamente a endurecer os requisitos para ser maquinista e instalar un sistema de “mans libres” para as comunicacións, posto que o condutor falaba por teléfono segundos antes do sinistro. 

Comentarios