Máximos históricos no prezo dos carburantes

Ás portas da suba do IVE, o prezo dos carburantes volven rexistrar, máis unha vez, máximos históricos. Encher o depósito custa hoxe, dez euros máis que en 2011.  

O prezo da gasolina superou esta semana o limiar do euro e medio, mentres que o gasóleo se atopa en 1,4 euros, continuando coa tendenza que iniciaron o pasado mes de xullo.

Aos novos prezos, engadirase o vindeiro mes de setembro a suba do IVE aprobada polo goberno de Mariano Rajoy, pola contra o goberno francés de François Hollande vén de anunciar que reducirá o prezo dos combustíbeis seis céntimos esta semana, após chegar a un acordo coas empresas de distribución. En troca, no estado español os carburantes pasarán a tributar do 18% ao 21% o que suporá un incremento de 3,5-3,6 céntimos o prezo do litro.

Malia a suba sufrida pol@s condutor@s, cuxo peto soporta un desembolso dez euros maior ao do ano pasado nestas datas, o custo do barril Brent atópase tres dólares por debaixo do valor da pasada semana.

Os últimos datos tirados do IGE amosan unha importante contracción no consumo dos fogares, afogados polo desemprego e a falta de ingresos. A suba do IVE e o encarecemento dos carburantes supón un pao máis para as economías familiares.

Comentarios