Maxi Vázquez: “A clase media está soportando o peso de todas as crises”

Maxi Vázquez (Santiago, 1974) é o portavoz do Partido Galego, formación galeguista de nova creación, presentada publicamente en decembro de 2020. Vázquez é licenciado en Administración e Dirección de empresas e traballa no sector da consultoría, sobre todo no ámbito da comunicación e mercadotecnia.
Maxi Vázquez, portavoz do Partido Galego
photo_camera Maxi Vázquez, portavoz do Partido Galego. (Foto: Nós Diario)

Como e por que nace o Partido Galego (PG)?
Nace en maio de 2020, aínda que a presentación pública non foi até o 12 de decembro. Antes da súa constitución houbo moitas chamadas, contactos e reunións virtuais polos tempos de pandemia que nos tocaron vivir.

Motivou a pandemia e a crise a creación do partido? 
Loxicamente non nos podemos illar do momento concreto, pero o nacemento responde a algo máis estrutural que conxuntural, pola propia evolución do país nas ultimas décadas, e esa evolución pensamos que non é a axeitada.

Hai moitos aspectos nos que a capacidade de mellora é importante, mais non só vemos que esa mellora non se deu, senón que houbo retrocesos.  

Cales son as chaves da recuperación para a Galiza poscovid?

Defenderíamos o mesmo houbese ou non Covid-19, o que acontece é que a pandemia reflicte a necesidade destas medidas. Os cambios que propomos son de gran calado, estruturais, cambiar as dinámicas do país.

Hai que axudar a clase media, que dun tempo a esta parte é a única que non tivo ningún tipo de apoio institucional e é a que está soportando sobre as súas costas o peso de todas as crises. Nós entendemos por clase media as e os traballadores, persoas asalariadas, pequeno empresariado, as e os autónomos... 

Esquerda ou dereita?

Ser de dereitas ou esquerdas é un campo movíbel, porque sempre o tes que enfocar en función de alguén, porque non hai un punto fixo no que estea o centro. Vemos partidos que proclaman ser de esquerdas e logo as súas políticas non avalan o que proclaman que son. O que define os partidos é a súa traxectoria, os actos que levan a cabo. Nós, esperamos en 2023, para os vindeiros comicios, poder tomar decisións a prol do país, e aí a xente poderá ver que posturas temos. 

No campo social, nós temos posicións moi de esquerdas, estamos a favor do progreso social e da socialdemocracia clásica. Seguramente haxa algunha cuestión do eido económico que poderían ser entendidas de dereitas, mais volvo dicir, dependen de con quen te compares e das accións que leves a cabo. 

É Galiza nación?

Temos clara a defensa da Galiza por riba de calquera outro interese que poida ter o partido. Se iso significa que é nacionalista, supoño que nos significaríamos como nacionalistas, e ao igual que nós calquera outra persoa de calquera outro país. Ninguén quere que ao seu veciño lle vaia mal pero o primeiro que ten que velar é polos seus propios intereses, algo que aquí non se está a facer.

E para mostra un botón, coa problemática que estamos a ter cos eólicos: case todos están en mans de capital estranxeiro, a pesar da repercusión directa que iso ten sobre o tecido propio estrutural e económico da Galiza.

Tamén nos declaramos abertamente europeístas, queremos unha Galiza forte en Europa.

Haberá candidatura do PG nos comicios municipais de 2023?

Nós como partido nacemos coa intención de acudir aos comicios. Ora ben, o noso día a día é ir afianzado o partido, dalo a coñecer, transmitir o que queremos facer. E unha vez que collamos esa dinámica e ampliemos a base, a un ou a dous anos, veremos que mimbres temos para acudir aos comicios, en que concellos e en que maneira nos presentamos. Mais insisto, agora o obxectivo é ampliar a base do partido, non temos presa pero non faremos pausa.

Comentarios