ANOVA NON FECHA AS SÚAS FERIDAS

"Martiño vaise atopar cunha dirección monocor e media organización fóra"

Non se fecharon as feridas na II Asemblea Nacional de Anova, malia o dramático chamado á unidade de Beiras. Cerna só obtivo 3 representantes na Coordenadora Nacional e abandonaron o cónclave deixando entrever que nen sequer tomarán posesión dos seus cargos na dirección.

anova
photo_camera Beiras. Foto de @anova_irmandade

As tres integrantes de Cerna -Paula Vázquez Verao, Iris Malvido e Marga Prieto- que conseguiron meter a cabeza na Coordenadora Nacional de Anova o fixeron após introducirse unha corrección de xénero na aplicación da votación polo sistema de listas abertas.

Da dirección ficaron fóra os principais dirixentes da liña crítica -os históricos Luís Eyré e Mário López Rico-, alén da deputada Chelo Martínez.

En declaracións ao termo da asemblea, recollidas por Europa Press, López Rico anunciou que Cerna realizará unha asemblea para analizar a situación en que fica Anova, que cualificou de "hiper representación" do sector oficial.

O sistema de votación, listaxes abertas, favoreceu o sector oficial e deixou os críticos fóra do máximo órgao entre asembleas, que será moi pouco representativo do pluralismo interno

"Non hai posíbel integración na dirección e o goberno é monocor. Martiño vaise atopar cunha dirección monocor e media organización fóra", dixo López Rico.

O dirixente crítico acusou Beiras e Martiño Noriega de teren "polarizado" a votación da asemblea.

Beiras, 317 votos

A asemblea caracterizouse en realidade por dous trazos básicos. Primeiro, a fractura está lonxe de se soldar e se axiganta por momentos. Segundo, a participación da militancia foi baixa. Boa proba disto témola na votación para a conformación do máximo órgao de decisión. Beiras, o líder indiscutíbel, foi o dirixente máis votado, mas apenas obtivo 317 votos, por 298 de Martiño Noriega e 290 de Antón Sánchez García.

Entre os críticos, Paula Vázquez Verao recolleu 210 apoios, mentres que Mario López Rico recebeu 209 sufraxios e Luís Eyré, un total de 205.

O sistema de votación, listaxes abertas, favoreceu o sector maioritario da organización e deixou os críticos fóra do máximo órgao de Anova entre asembleas, que será, portanto, moi pouco representativo do pluralismo interno.

Comentarios