Martiño Noriega: "Ficar só na cuestión identitaria non dá solucións"

Após a Asemblea nacional que Anova realizou esta fin de semana en Compostela, falamos con Martiño Noriega, alcalde de Teo e membro da Coordinadora nacional da organización liderada por Beiras. Noriega valora de maneira "moi positiva" o conclave e aposta en "ampliar a experiencia" de AGE en vindeiros procesos electorais. "Ficar só na cuestión identitaria non dá solucións", afirma.

Martiño Noriega [Imaxe de arquivo SG]
photo_camera Martiño Noriega [Imaxe de arquivo SG]

Como valora o desenvolvimento da I AN de Anova quer no que atinxe á renovación orgánica quer no que ten a ver cos textos aprobados?
Valóroo dunha maneira moi positiva. É certo que foi unha asemblea aberta, mais puxo enriba da mesa que Anova é unha organización viva onde se dan debates sen cartas marcadas. Temos dúas cuestións a favor: o pouco tempo de vida da organización, que elimina vicios e estruturas burocratizadas e, doutra banda, a vocación por conectar cunha maioría social que está a demandar novas maneiras de funcionar internamente para ter credibilidade á hora de se relacionar co conxunto da cidadanía. Foron uns días intensos, que concluímos cansos mais satisfeitos. A respeito dos órganos de representación é certo que se deu unha renovación de case o 50%; porén, o máis importante foi o método de escolla a través de listas abertas que, para alén de moi participativo, eu son dos que pensan que lle deron moita lexitimidade aos novos órganos de representación. 

Vostede foi o candidato mais votado na escolla das e dos integrantes da Coordenadora nacional, mais ao tempo a maioria da AN rexeitou a emenda á totalidade que apresentou o seu grupo aos textos oficiais. Como valora este feito?
Bon, son dúas cuestións case en paralelo. Na cuestión persoal a un sempre lle produce satisfacción ter un retorno do traballo político que fai, sobre todo por un método de escolla que procuraba evitar dinámicas grupais. Ter a máxima valoración a un provócalle a máxima satisfacción. Canto á emenda política, esa é unha dinámica máis local que procede do traballo dunha asemblea con personalidade propia e formada por mulleres e homes valiosos que entenderon que tiñan cando menos que facer unha aportación no eido político ao conxunto da asemblea. Creo que foi importante porque permitiu unha síntese a través da transacción que recolle o sentir maioritario da organización, pois finalmente o documento político aprobado tivo máis de 300 votos a favor e só 3 en contra. 

"A un sempre lle produce satisfacción ter un retorno do traballo político que fai, sobre todo polo método de escolla que procuraba evitar dinámicas grupais"

Cales serán os obxectivos de Anova para este período entre asembleas?
Creo que o fundamental é pór en marcha o corpo organizado de Anova. Xerar dinámicas de grupo no traballo que permitan estabelecer esa nova maneira de relacionarse coa sociedade, é dicir, acompañando aos movementos sociais que están a loitar por un modelo socieconómico antitético ao existente e que están a reivindicar a cuestión identitaria. Tamén seguir afondando internamente no que deben ser as novas formas de funcionar. Ser operativos mais mudando a direccionalidade na toma de decisións permitindo á militancia implicarse.

Na asemblea abordaron a política de alianzas eleitorais. Avanzaron, por exemplo, en cal será a opción cara ás europeas?

A síntese baséase no recoñecemento da soberanía de Anova para decidir dependendo do contexto mais tamén se valorou de maneira positiva o que foi a coalición de AGE e a necesidade de afondar nesa cultura da coalición e mesmo de ampliala. Creo que baixo dúas cuestións --que son o dereito a decidir do pobo galego e un programa de acción de ruptura na esquerda-- somos moitos os que temos cabida e non por vivirmos en casas diferentes non podemos camiñar xuntos. A síntese foi esa, ampliar a experiencia de AGE e recoñecer, dependendo das circunstancias, a soberanía de Anova, faltaría máis, para tomar as súas propias decisións. Non se chegou a afondar máis. 

"Na asemblea valorouse de maneira moi positiva a coalición de AGE e a necesidade de afondar nesa cultura da coalición e mesmo ampliala"

Defende AGE como estratéxico, mais ao tempo defende unha óptica autodeterminista. Como se combina a cuestión nacional co coligación cunha organización como EU?

Partindo dunha análise. Se somos capaces de respectar o dereito a decidir do pobo galego e como quere organizarse, se somos capaces de estabelecer un programa de acción rupturista no eido da esquerda creo que estaremos englobando o conxunto das problemáticas que ten o noso país no que a agresión do sistema tamén ten un marco estatal e un marco europeo. É a maneira de ser capaces desde as identidades de construír unha verdadeira internacional que combata un inimigo que xoga con moitas vantaxes e que seguramente está a ter unha folla de rota que nos levará a lugares menos cálidos no futuro e que pasan pola recentralización, o goberno de tecnócratas e por unha maior agresión ás conquistas das últimas décadas en materia sociolaboral. Se ficamos só na cuestión identitaria ou só na cuestión de clase acabamos auto-referenciando conceptos sen dar solucións. 

Comentarios