Martiño Noriega, disposto a formar parte da nova Permanente de Anova

A demisión en bloque de 10 integrantes deste órgano crea un baleiro de poder que Anova terá que resolver. A opción con máis probabilidades semella ser a dunha nova Permanente integrada polo sector de #NósSomosAGE.

Martiño Noriega
photo_camera Martiño Noriega

De 19 integrantes (máis Xosé Manuel Beiras) cos que naceu en xullo de 2013 a Comisión Permanente de Anova na actualidade só fican 3 (máis Xosé Manuel Beiras). As 10 demisións esta segunda feira do sector contrario a concorrer no seo de IU ás europeas crían na organización un baleiro de poder que non pode prolongarse no tempo.

O alcalde de Teo e principal rostro de #NósSomosAGE, o sector partidario de concorrer con IU na cita do 25 de maio, xa amosou a súa dispoñibilidade a facer parte dunha nova Permanente. Cómpre lembrar que en decembro pasado o rexedor demitira deste organismo de Anova, nunha decisión secundada pouco despois por 4 membros máis.

Nin xestora nin Asemblea extraordinaria

Noriega confirmou á Radio Galega a súa vontade ''de elixir unha nova coordinadora permanente'' para a que -di- a súa dispoñibilidade é absoluta. Neste medio tamén se apunta que “os impulsores de concorrer ás eleccións europeas con Esquerda Unida asumirán agora a xestión do proceso”.

Das afirmacións pode desprenderse que o camiño elexido para afrontar a crise é a designación dunha nova Comisión Permanente (tarefa que corresponde á Coordinadora Nacional), e non a convocatoria dunha asemblea extraordinaria (como reclaman algúns sectores) ou a formación dunha xestora.

Comentarios