sábado 15/08/20

Martiño Noriega abre as portas de AGE ao BNG

Entrevista con Martiño Noriega, responsábel de Acción Institucional de Anova, na Radio Galega. Defendeu alargar AGE coa incorporación do BNG. A formación frentista defende a unidade do nacionalismo, mas desde o principio da auto-organización, o que excluiría acordos con formacións como EU que teñen o seu centro de decisión en Madrid.


Martiño Noriega
Martiño Noriega

Martiño Noriega -alcalde de Teo eleito baixo as siglas do BNG, agora nas fileiras de Anova- afirmou hoxe que a formación frentista ten "cabida" na coligación eleitoral que forman a forza liderada por Beiras e Esquerda Unida. En vésperas da súa Asemblea Nacional deste domingo, o BNG aposta pola unificación do nacionalismo, mas a partir do respeito do principio de auto-organización, isto é, organizacións políticas galegas e co centro de decisión en Galiza. Iso excluiría o acordo coa formación que lidera Cayo Lara.

O responsábel de acción institucional de Anova asegurou nunha entrevista concedida á Radio Galega que Anova decidira após o seu nacemento, "abandonar posicións partidarias" que considerou lexítimas mais que prefiriu deixar á marxe na procura dun outro espazo en que "ao mellor non podemos facer defensa de todo no que cremos, mais si no importante".

Neste senso, o alcalde de Teo asegurou que na coligación electoral que integran xunto con Esquerda Unida, o BNG ten "cabida" ao considerar que é máis "o que nos une que o que nos divide". Martiño equiparou os vencellos entre Anova e BNG cos que a organización liderada por Xosé Manuel Beiras ten con Esquerda Unida -tamén dixo de EU que é máis o que os une do que o que os separa- e procurou tender pontes cara @s nacionalistas.

Martiño Noriega abre as portas de AGE ás bases militantes de Compromiso por Galicia, mas non así aos seus dirixentes

Martiño Noriega foi inquirido por quen se perfila como novo portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, de quen dixo apreciar a súa valía e a súa aposta "por un común denominador". Asemade desexoulle "sorte, sorte" e sentenzou "porque a precisa", perante o que Noriega xulga como "un tempo difícil".

De por parte, o responsábel de Acción Institucional de Anova -ao que Beiras ten sinalado como o seu eventual sucesor- tamén dirixiu o seu convite a aposta pola "cultura da coligación" ás bases militantes de Compromiso por Galicia, non así aos seus dirixentes.

comentarios