Martiño Noriega demite e agrava a crise de Anova

A decisión do número dous de Anova foi transmitida ao Consello Nacional através dunha carta, segundo informou a Radio Galega. A súa saída agrava a crise aberta na organización liderada por Xosé Manuel Beiras. Na carta encamiñada ao órgano de dirección de Anova, Noriega asegura que se dedicará a rematar "con garantías" o seu ciclo como alcalde de Teo.

Martiño Noriega [Imaxe de arquivo: SG]
photo_camera Martiño Noriega [Imaxe de arquivo: SG]

Na misiva enviada ao Consello Nacional, Martiño Noriega debrúzase nun demorado repaso aos seus últimos anos de militancia política e á súa escolla na pasada Asemblea Nacional de Anova como coordinador nacional através dun proceso de listaxes abertas. 

Neste senso, argumenta as razóns da súa saída na necesidade de economizar enerxías que, no seu caso, di, dirixirá cara á un "traballo colectivo, directo, en defensa da maioría social" mais, iso si, como "militante de base". 

Noriega di que continuará como militante de base e abandona a Permanente de Anova 

Noriega fica tamén como integrante da Coordenadora Nacional de Anova mais sairá do seu órgano permanente para, subliñou, "rematar con garantías un ciclo persoal ilusionalte en Teo". O que até o de agora foi número dous de Anova e claro aspirante a se converter en portavoz nacional da organización cando Xosé Manuel Beiras abandonar a responsabilidade, insiste no escrito achegado ao Consello nacional en amosar a súa posición na actual crise aberta e dise partidario de continuar a pular por "fórmulas de partido-movemento inclusivas" con vocación, acrecenta, "de fronte ampla" pois, afirma, "unha nova cultura política" é "nestes intres, unha necesidade, non unha estratexia". 

A fenda aberta en Anova

A demisión de Martiño Noriega é produto, segundo diversas fontes consultadas por Sermos Galiza, do profundo clima de división interno que se vive en Anova.

O confronto coloca dun lado o sector oficial -en que se situarían como cadros referentes Mario López Rico, Francisco Trigo e Luís Eyré- e, doutro, o crítico, no que alén de Martiño Noriega está o deputado Antón Sánchez.

Nas últimas horas mesmo se chegou a barallar a hipótese de Antón Sánchez se dar de baixa como afiliado de Anova e continuar como independente no grupo parlamentar de AGE. Porén, todo apunta a que isto non se irá producir polo de agora. Os movimentos que faga Antón Sánchez estarán en todo caso coordenados cos de Martiño Noriega.

As mesmas fontes apuntan a que a demisión se produciu ao constatar Martiño Noriega que Beiras rachaba a equidistancia e se colocaba acarón do sector oficial, o maioritario neste momento na militancia de Anova.

O sector maioritario defende que Anova poda mudar de aliados en función das distintas citas eleitorais, iso precisamente foi o que aprobou a I Asemblea Nacional da formación, mentres que o grupo nucleado arredor de Martiño Noriega é máis partidario de camiñar cara á converxencia con Esquerda Unida.

As hostilidades desatáronse durante o proceso de negociación da fórmula de concorrencia ás eleccións europeas, ao decantarse claramente Martiño por reeditar a coligación con Esquerda Unida -neste caso, con Izquierda Unida, ao ser eleccións de ámbito estatal-, cando, en troca, o sector maioritario se inclina máis ben por explorar as hipóteses de concorrer nunha alternativa soberanista cuxos perfís ainda estarían por debuxar.

Comentarios