Quinteiro reaparece nas redes

Martiño Noriega considera que En Marea descoida as confluencias locais

As costuras de En Marea quedaron máis á vista do que nunca co affaire da deputada Paula Quinteiro. Este domingo, o alcalde de Compostela Martiño Noriega así o confirmou e, nunha entrevista na Ser, lamentou que o “espazo político non estea coidando” das confluencias a nivel local.
 

Martiño Noriega. 31 de xaneiro de 2018
photo_camera Martiño Noriega. durante unha recente entrevista con Sermos Galiza. Foto: Laura R. Cuba

As tensións desatadas pola filtración dun incidente nocturno entre a parlamentaria e a policía local da capital atinxiron un punto crítico cando o denominado Consello das Mareas -máximo órgao da confluencia entre plenarios- esixiu a dimisión de Quinteiro. Porén, o grupo parlamentario, por amplísima maioría, só lle pediu que se desculpase en público, pero que non entregase a acta. É nese contexto que Noriega falou de “mala xestión a nivel galego” do conflito.

“Houbo un erro en tensionar o espazo político, cando o grupo parlamentario xa decidira por ampla maioría que Paula Quinteiro pedise desculpas”, expuxo, “e, con todo, lévase a outro órgano do espazo [polo Consello das Mareas] en que non todo o mundo se sinte reflectido”. Noriega, que quixo “ir máis alá do nominalismo sobre Villares”, engadiu que a confluencia de esquerdas “é moi influenciábel e ás veces non entende a importancia do momento histórico”.

Esa disxuntiva entre a estrutura de En Marea como partido -que Esquerda Unida ou Podemos, partido ao que pertence Quinteiro, non recoñecen, ou fano de maneira feble- provocou dúas semanas de declaracións cruzadas, algúns artigos na prensa, “retroalimentación polo Mátrix mediático”, e o silencio do portavoz de En Marea e do seu grupo parlamentario, Luís Villares, mutismo a que este vai pór fin esta segunda feira.

Noriega puxo Villares no albo das súas críticas: “Houbo un erro en tensionar o espazo político, cando o grupo parlamentario xa decidira por ampla maioría que Paula Quinteiro pedise desculpas”

No medio desa treboada, o rexedor compostelán e líder de Compostela Aberta sentiu que se “perdía a perspectiva da importancia do momento histórico”. “A unidade popular está consolidada a nivel local, en cidades e en vilas”, explicou aos micrófonos da Ser, “e todo o mundo di que é fundamental preservar estes espazos para dar o combate contra o PP. Pois á veces dá a sensación de que o que menos importa é o futuro da unidade popular a nivel local”.

Martiño Noriega tamén avisou de que as listas municipais “non poden practicar o cantonalismo e precisan dun proxecto de país”. No entanto, fixo “un chamado público a que se coiden os espazos locais” e a “centrarse no importante”, a pelexa contra o Partido Popular e as súas políticas. E alertou da necesidade de “aprender do pasado” e non “repetir erros como os de AGE”. “Ás veces teño a sensación de estar no eterno retorno”, dixo, en referencia ás sucesivas fracturas no grupo parlamentario encabezado por Beiras a lexislatura pasada e ás escisións en Anova.

Quinteiro fala en twitter

Quen tamén rachou o seu longo silencio nas últimas horas foi a protagonista do incidente, Paula Quinteiro, quen elixiu twitter para agradecer as mostras de apoio recebidas -non fai ningunha alusión á petición de demisión formulada polo Consello das Mareas- e para dar a entender que vai continuar ao fronte da súa responsabilidade parlamentar.

 

Comentarios