Compostela Aberta

Martiño Noriega comprométese a remunicipalizar a auga no novo mandato

O alcalde e candidato de Compostela Aberta anunciou que remunicipalizará o servizo da auga durante o primeiro tramo do mandato e convidou a PP, PSdeG e BNG a explicaren as súas posicións.

Martiño Noriega
photo_camera Martiño Noriega

Compostela Aberta comeza a campaña electoral poñendo enriba da mesa o compromiso de remunicipalizar o servizo da auga como unha das medidas principais para acometer no primeiro tramo do novo mandato, de manter o bastón de mando da capital galega Martiño Noriega.

A recuperación para xestión pública da rede de abastecemento e saneamento de auga xa fora sacada a debate polo goberno municipal nos últimos meses, aprobando de feito a corporación a creación dunha comisión de estudo sobre a xestión da auga. A concesión deste servizo rexéntaa desde 1980 a empresa Viaqua, anteriormente chamada Aquagest, e remátaa en 2019.

"Os recursos naturais deben ser xestionados desde o público", sinalou Noriega

O actual rexedor compostelán afirmou o compromiso de Compostela Aberta coa recuperación da xestión directa da auga porque "os recursos naturais deben ser xestionados desde o público", sinalou.

Na rolda de prensa de Compostela Aberta no primeiro día de campaña electoral, Noriega sinalou que "a ninguén se lle escapa que a concesión de servizos en Santiago foi cuestión de investigacións, mesmo de corrupción política” e sinalou que a xestión directa da auga debe servir para evitar “a tentación" que supón para moitos o modelo de concesións.

Noriega quere introducir como peza fundamental na campaña o debate sobre o modelo de xestión da rede de abastecemento e saneamento de auga

Precisamente a candidatura de Noriega quere introducir como peza fundamental na campaña o debate sobre o modelo de xestión da rede de abastecemento e saneamento de auga. Así é que o alcalde chamou o resto de partidos a posicionarse nesta materia.

Nese sentido, desde Compostela Aberta afirmaron que "a auga é un dereito humano básico, como di a ONU, e non debe ser unha mercadoría”, por iso sinalou que do mesmo xeito que a educación ou a xustiza están en mans públicas, a auga debe estar nesa mesma liña”.

Comentarios