O co-portavoz nacional de Anova avala Luís Villares como líder orgánico

Martiño Noriega advoga por "desarmar" as "posicións de parte" no seo de En Marea

Partidario da paseniña disolucións dos partidos na confluencia, o alcalde de Compostela defendeu este domingo "seguir avanzando en desarmar as posicións de parte para construír algo colectivamente".

Entrevista Martinho Noriega
photo_camera Martiño Noriega

Esta declaración de Martiño Noriega -realizada no curso dunha entrevista na Cadena SER- haina que entender no contexto das distintas posicións mantidas polos partidos políticos que integran a confluencia, con Anova máis partidaria de se ir disolvendo no interior da plataforma e Esquerda Unida e Podemos claramente proclives a manter a súa identidade.

Nese sentido, Martiño Noriega fixo un chamamento a non "reproducir os erros que se deron en AGE" (precedente de En Marea, coligazón de Esquerda Unida e Anova). "Se a algo estamos obrigados os homes e mulleres do espazo da unidade popular é a aprender dos erros e das cuestións que foron negativas [di en alusión a AGE) para non repetilas. Hai que seguir avanzando en desarmar as posicións de parte para construír algo colectivamente".

Nas vésperas da apertura do prazo de apresentación de candidaturas para o Consello das Mareas -o máximo órgao entre asembleas da confluencia-, o coportavoz nacional de Anova deu o seu aval a Luís Villares como líder orgánico da plataforma: "Si que coido que Luís se gañou a oportunidade para poder ser un actor principal da construción dese espazo [popular]", dixo. En todo caso, botou man de declaracións do propio voceiro do grupo parlamentar para matizar que a lideranza ten de se exercer desde a "coralidade" nun "espazo que é plural tanto de voces como de nomes".

Noriega tamén se pronunciou sobre o proceso precongresual actualmente en curso no seo de Podemos: "Que me preocupa do debate? Que ás veces vexo pouca política e moita escenificación", dixo en clara alusión á intertroca de golpes dialécticos entre pablistas e errejonistas.
 

Comentarios