Marta Gómez, nova secretaria xeral de Galiza Nova: "O reto é mobilizar a mocidade e porei todas as miñas forzas niso"

Reimpulsar o ritmo mobilizador da mocidade galega e agrandar a base xuvenil nacionalista, eis os complexos retos que encara Marta Gómez (Pontevedra, 1997). Esta xogadora de rugby graduada en Ciencias do Mar vén de ser elixida o pasado 11 de setembro nova secretaria xeral de Galiza Nova. Con ela conversamos sobre mocidade e soberanía.
A XVI Asemblea Nacional de Galiza Nova elixiu a pontevedresa Marta Gómez como secretaria xeral.
photo_camera A XVI Asemblea Nacional de Galiza Nova elixiu a pontevedresa Marta Gómez como secretaria xeral (Foto: Nós Diario)

—Propón recuperar o pulso mobilizador xuvenil, algo complexo, non? É certo que o BNG goza de boa saúde entre a mocidade e que nas eleccións de hai un ano volveu ser primeira forza entre a xente nova; mais, ese activismo de rúa mudou pola cultura do efémero, o virtual e as redes sociais. Hai oco para o activismo "presencial"?
É certo que a forma de entender a militancia mudou. O reto é mobilizar a xuventude e visibilizar que a organización e a loita é o medio a seguir. 

Non abonda con pór algo nas redes. Temos que ter un discurso atractivo para a xente nova, un discurso de forza, que dea a entender que a mobilización popular é o camiño necesario. Aí temos que traballar moi duro e eu porei todas as miñas forzas niso. 

—Mais como pensa recuperar ese activismo de rúa?
Hai que ir recuperando pouco a pouco a presencialidade e ir sumando xente nova ao nacionalismo. Agora xa se pode saír á rúa, que é o espazo máis útil de traballo, e comeza tamén o curso escolar e temos que conseguir chegar a toda a mocidade. Con paciencia, claro, porque a pandemia non rematou e hai limitacións ao contacto social.

Mais conforme sigamos volvendo á normalidade temos que ir convencendo de que o activismo, participar, falar con outras persoas, estarmos activas no asociacionismo, no ensino e nos centros de traballo é o camiño. 

—Precisamente nos centros de ensino perdeuse moita mobilización respecto a décadas atrás, non?
É certo, mais aspiramos a mudar iso. A XVI Asemblea Nacional de Galiza Nova segue marcando a organización Erguer Estudantes da Galiza como o noso referente no movemento estudantil e cónstame que están a facer un gran traballo para recuperar a mobilización no ensino. 

Estano a conseguir e nós apoiarémolos no seu traballo con toda a axuda que precisen, á parte de facermos as nosas propias campañas sobre mocidade tamén no ensino. A mobilización estudantil sempre existiu e aí segue, para mostra as compañeiras e compañeiros de Medicina, que coas súas protestas dos últimos días conseguiron que se lles garantise a realización de prácticas. 

—Na clausura da Asemblea Nacional de Galiza Nova Ana Pontón, como portavoz do BNG, animou a mocidade "a converterse no motor de cambio que Galiza precisa" e a impulsar a primeira Presidencia do Bloque na Xunta. Como o van facer?
Temos un altofalante enorme agora mesmo que son as e os tres parlamentares do Bloque que tamén son membros de Galiza Nova. Na Cámara galega dan a visión da nosa organización xuvenil ao tempo que denuncian as problemáticas da mocidade e defenden propostas e alternativas. 

É xente nova, están no día a día da xuventude, coñecen as problemáticas que afectan a mocidade e as inxustizas que nos oprimen. Como a xente moza coñece os seus problemas de primeira man, o papel de Galiza Nova na fronte é socializar esas problemáticas e alternativas. E, por suposto, o papel de Galiza Nova é sumar mocidade ao BNG porque somos o presente e, sobre todo, somos futuro. 

Saímos da Asemblea Nacional cuns textos cos que traballar. Nas teses aprobadas analizamos as problemáticas da mocidade e situamos propostas e alternativas para solucionalas. Levarémolas ao Parlamento  porque son boas para a mocidade. Sendo altofalante destas propostas e visualizando unha alternativa para a mocidade, confío en que a maioría do voto que o BNG tivo nas últimas eleccións entre a mocidade galega aumente para a próxima cita coas urnas. 

—Vostede é secretaria xeral ao recibir a súa lista 75% de voto na militancia. Porén, houbo outra candidatura, algo que non acontecía desde 2012 en Galiza Nova. Isca volveu formar parte de Galiza Nova en abril deste ano. Mais débese entender a presentación de dúas listas como unha falta de unión interna?
Non. É certo que me daba algo de medo a presentación de dúas candidaturas porque podía dar unha imaxe de desunión. Porén, a sensación que tiven durante a Asemblea Nacional foi realmente de unidade e todas e todos saímos do plenario con vontade de traballar xuntas. 

Non hai división, que era o que me preocupaba. E estou segura de que a Dirección Nacional, que está conformada por militancia que se presentou en ambas as candidaturas, vai pór todo o que estea na súa man para sacar todo o traballo de Galiza Nova adiante. 

—En que se diferencia o seu proxecto da outra lista que concorreu?
Elas prefiren ter voz na nova Dirección Nacional por medio dunha candidatura propia. consideran que Galiza Nova ten eivas e que entrando na Dirección Nacional por medio dunha lista propia é a mellor maneira de traballarmos conxuntamente para resolvelas. 

Coa paixón na ciencia, no mar e na defensa da ría

A Marta Gómez nótanselle ben as ganas e a ilusión coas que afronta o reto de liderar Galiza Nova. Releva na Secretaría Xeral o moañés Paulo Ríos, deputado na Cámara galega. A pontevedresa milita nas mocidades do Bloque desde os 18 anos. Porén, leva desde moito antes participando de mobilizacións e protestas xuvenís.

De feito, afirma que desde pequena está concienciada coa problemática ambiental que supón a presenza da pasteira de Ence na ría de Pontevedra.

E isto, precisamente, foi o que a levou a estudar Ciencias do Mar na Universidade de Vigo. Agora está a cursar un mestrado sobre a conservación dos produtos da pesca. Recoñece que a súa paixón está en "analizar a contaminación das augas e a súa influencia na produtividade das rías galegas e os mares".

Comentarios