Non vai haber pleno extraordinario no Parlamento de Galiza para debater, entre outros temas, a creación dunha comisión de investigación sobre o derrube dun peirao do paseo marítimo de Vigo durante o festival O Marisquiño de Vigo, no que resultaron feridas máis de 460 persoas.
PP e PSdeG sumaron os seus votos esta quinta feira na Deputación Permanente do Parlamento para botar abaixo a proposta presentada por En Marea e BNG na que pedían un pleno extraordinario no que comparecesen o presidente Feixóo e o o conselleiro de Sanidade, para alén de debater a creación dunha comisión de investigación que analizase as posíbeis responsabilidades políticas derivadas do suceso.
A portavoz nacionalista, Ana Pontón, sinalou que “as vítimas e as súas familias, teñen “dereito a unha explicación veraz das causas do accidente e en democracia, as persoas con cargos públicos deben asumir as súas responsabilidades políticas”. A nacionalista lembrou que as instalacións públicas derrubáronse provocando lesións a máis de 400 persoas e asegurou que alguén “é responsable” do que aconteceu. “Estou absolutamente convencida, que se en vez de falar dunha zona portuaria de titularidade do Estado, falaramos dun local privado, a propietaria ou propietario dese espazo, estaría na cadea.”
Pontón sostivo que convocar este pleno sería un exercicio de responsabilidade e madurez democrática que axude a paliar o “triste e bochornoso espectáculo que levan dando PP e PSOE durante estes días”.
Luis Villares (En Marea) defende que "máis aló das responsabilidades penais ou civís que se establezan no procedemento xudicial, deben dilucidarse tamén responsabilidades políticas”. .
"Non é admisible politicamente lanzar a pedra e agochar a man parapetándose detrás de terceiros. É o momento de que o presidente da Xunta dea a cara. E non abonda con que o fagan outros conselleiros, porque existen varios departamentos da Xunta de Galiza que tiveron intervención previa ao sinistro, e so hai unha persoa que actúa como director de orquestra neste concerto fallido: Alberto Núñez Feixóo", explicou o portavoz de de En Marea.
Pola súa banda, tanto PP como PSOE rexeitaron a convocatoria dese pleno argumentando, entre outras cousas, que debe respectarse a "autonomía local" nun asunto no que se ventilan competencias municipais