Marisol Díaz (PP): "Nós non falamos de pública ou privada, senón de profesionais"

Entrevistamos Marisol Díaz Mouteira, candidata número 1 do Partido Popular por Ourense. 
A popular Marisol Díaz, cabeza de lista por Ourense, é funcionaria do Corpo Superior da Admon. da  (1)
photo_camera A popular Marisol Díaz, cabeza de lista por Ourense, é funcionaria do Corpo Superior da Admon. da (1)

—O virus golpeou máis nas residencias privadas que nas públicas. Que modelo residencial defende?

O importante é reflexionar sobre como adaptarmos os servizos ás necesidades dos nosos maiores, e nisto non hai que distinguir entre residencias públicas e privadas, ou estamos cuestionado que os profesionais de determinadas residencias non se poden comparar cos da pública? Non, por iso nós non falamos de pública ou privada, falamos de profesionais que traballan en residencias e a prioridade fundamental é a atención que dan ás persoas maiores. 

Os momentos máis duros que vivín en 30 anos de traballo foi equipar a residencia integrada de Baños de Molgas. A Xunta anticipouse preparándoa, reforzando o persoal, coidando das persoas maiores e enviando o material preciso ás residencias antes que ninguén. Enviamos máis material aos centros ca o Goberno central á Galiza. Traballamos polos  maiores para que non lles faltase de nada antes, durante nin despois da pandemia, sen distinguir entre público e privado. 

—Pero os medios e as condicións do persoal non son as mesmas na pública que na privada. 

Só neste ano levamos 1.500 inspeccións. A ratio de profesionais está garantida porque para iso hai un plan de Inspección da Xunta, que está vixiante para que se cumpran todas as obrigas nas residencias, sexan da titularidade que sexan. O que si debemos pensar, a raíz da COVID-19, é en problemas estruturais no que respecta, por exemplo, ao deseño de espazos para ter diferentes andares que dean resposta a necesidades de illamento que poidan xurdir. 

O modelo residencial mudou hai tempo e é amplo. Hai vivendas comunitarias que xa quixeran moitas persoas, e falo por min mesma, ter esas condicións para vivir no día a día. Falo de minirresidencias, casas... Seguramente entre todas e todos, aprendendo da COVID-19, camiñaremos cara a un modelo familiar, de minirresidencia.

—E que modelo ten para o hospital de Verín?

Os feitos demostran que apostamos polos hospitais comarcais, como as melloras en infraestruturas, servizos e persoal. O tema do paridoiro foi unha decisión difícil mais necesaria, xestionar e gobernar non é ser popular, e aquí primaba a seguridade das mulleres e as crianzas. Ao longo de 2019 sacáronse dúas veces prazas de pediatría e non se cubriron até febreiro deste ano, por iso pedimos ao Estado que levante a taxa de reposición. 

Temos que seguir mellorando, por suposto, mais a pesar de termos as mans atadas por esa taxa de reposición, vimos de ser quen de programar 407 novas prazas para o sistema sanitario galego. Iso é traballar pola sanidade.  

Comentarios