Parlamento

Mariló Candedo: "Veño para construír e tender pontes"

Incorpórase ao Parlamento da Galiza para o primeiro Pleno de febreiro e realizará a súa actividade no Grupo Mixto liderado por Luís Villares.
Mariló Candedo nun mitin dunha campaña de En Marea (Nós Diario).
photo_camera Mariló Candedo nun mitin dunha campaña de En Marea (Nós Diario).

Mariló Candedo entra no Parlamento da Galiza após a renuncia de Manuel Lago. Collerá a acta para incorporarse ao Grupo Mixto, onde están as súas compañeiras de En Marea, e asegura que chega para "construír" e non para recrearse "en ningunha disputa", consciente de que a lexislatura está "en tempo de desconto".

A número oito da lista electoral de En Marea nas pasadas eleccións galegas, Mariló Candedo, entrará no Parlamento cando Manuel Lago formalice a vindeira semana a súa saída para incorporarse ao gabinete de Yolanda Díaz no Ministerio de Traballo. "Teño certo sentido da responsabilidade e presenteime nunha lista hai catro anos. Isto é unha oportunidade, por moito que non se saiba canto vai durar a lexislatura", asegurou onte Candedo a Nós Diario.

Se os trámites parlamentarios o permiten, Candedo xa formará parte do Grupo Mixto no Pleno de febreiro. "Veño para construír e tender pontes, non para recrearme en ningunha disputa", afirmou sobre a cualificación de "atraco democrático" realizada pola portavoz do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, ante a súa incorporación ao Parlamento. "Quédome coas palabras de Antón Sánchez, que quixo dar normalidade á situación", aseverou. Co cambio, Común da Esquerda pasa de 10 a 9 deputadas e o Mixto logra 5.  

Candedo deixará de exercer como Adxunta para Titulacións da Universidade da Coruña (UDC) mentres sexa deputada, onde tratará asuntos de educación, universidade pública, políticas sociais, cultura, lingua... "O meu activismo lévame a eses ámbitos", sinalou, aínda que tamén valorará trasladar os avances no debate social sobre a "renda básica universal" no que participou activamente.

"Preocúpame especialmente o xurdimento da universidade privada na Galiza polos efectos colaterais que pode ter na pública. Vivín o proceso de Boloña e estou preocupada polo novo plan de financiamento", engadiu.

Sobre a censura educativa promovida pola ultradereita, Candedo ten claro que se trata dun "despropósito" e cuestionou a preocupación do presidente da Xunta a respecto da intervención das familias nas decisións educativas, pois indicou que "o PP baleirou practicamente o seu papel coa Lomce". 

Comentarios