Marilar Aleixandre aposta en que as candidaturas da Marea se voten en primarias

En declaracións a Sermos Galiza, a portavoz do Encontro Cidadán di que gostaría de que a marca que se apresentase ás xerais fose simplemente "Marea Galega", "un nome que identifique a unidade e non a un partido político concreto".

marilar aleixandre- xerais
photo_camera Marilar Aleixandre


A apenas nove días de que conclúa o prazo para apresentar coligazóns ao 20-D, algúns aspectos sobre o proceso da Marea Galega están aínda por definir. Primeiro, a forma de escolla das e dos candidatos, se por primarias ou por consenso entre os seus distintos componentes. Segundo, o nome da candidatura, que marca aparecerá na papeleta co que tentarán seducir o eleitorado.

Sobre o primeiro aspecto da cuestión, a portavoz de Encontro Cidadán por unha Marea Galega, Marilar Aleixandre, é taxativa, en declaracións a Sermos Galiza: "Ten que ser un proceso de primarias abertas. É o que defendimos desde o principio".

En relación ao segundo asunto, a voceira do colectivo expresa tamén a súa opinión: "Eu gostaría de que a marca coa que fósemos ás eleccións fose, por pór un exemplo, a Marea Galega, ou sexa, un nome que identificase a unidade e non a un partido político concreto".

Ir ás eleccións como Marea Galega batería coas liñas marcadas por Podemos sobre a súa forma de concorrencia ás xerais

Este desexo batería coas liñas marcadas por Podemos, unha das organizacións que partillan presenza coa Marea Galega no Foro Político constituído a sexta feira 16 de Outubro. A organización de Pablo Iglesias, como se sabe, decidiu nun congreso e logo nun referendo que iría ao proceso eleitoral coa marca Podemos en todo o Estado e, nas circunscricións galegas, catalás e valenciás, coa denominación de Podemos-X ou X-Podemos.

Aleixandre enfatiza que ela fala en todo momento en nome do Encontro, mais que esta plataforma está xa integrada no Foro Político e que a partir de agora é esa nova entidade a que se ten que pronunciar.

Dá por finiquitado o diálogo co Bloque Nacionalista Galego? A este respeito, apela ao "optimismo da vontade", afirma que o "6-N é o prazo último" e que "non querería tirar a toalla até o día 5".

Outras voces

Outras fontes integradas no Foro Político -en concreto, fontes de Anova- consultadas por Sermos Galiza son, a respeito das primarias, menos entusiastas que a portavoz do Encontro. Non por filosofía política, senón porque "os prazos son os que son e non está claro que teñamos tempo abondo por diante para realizar unhas primarias con garantías". "En todo caso, isto non é algo que teña que decidir Anova, senón o conxunto dos actores que facemos parte do Foro Político".

Comentarios