A Audiencia refírese a Resistencia Galega como unha organización "presumibelmente terrorista"

O auto de liberación da independentista María Osório, ditado pola Sala do Penal, sección 2ª, asinala que manter en prisión preventiva á becerrense sería unha decisión "desproporcionada e, por tanto, inxustificada". Recorda que non foi imputada por "ningunha acción violenta" nin pola tenza directa "de ningún medio ou instrumento perigoso", senón por un delito xenérico de "pertenza" a unha organización "presumibelmente terrorista"
photo_camera Cadeia humana pola liberdade d@s pres@s galeg@s [Imaxe: Maia]


"Cómpre tomar en conta que non se lle atribúe persoalmente ningunha caste de acción violenta nin a directa posesión de ningún medio ou instrumento perigoso senón, en todo caso, a pertenza a unha organización presumibelmente terrorista". Este é, literalmente, o segundo dos fundamentos xurídicos en que a Sala do Penal da sección 2ª da Audiencia Nacional española baseou a posta en liberdade da presa independentista Maria Osório.

A defensa interesou a inmediata posta en liberdade da moza xa a finais de xullo de 2012 alegando que padecía un problema de saúde. O primeiro recurso foi presentado perante o xulgado de instrución nº6 da Audiencia Nacional española, ficando á fronte deste Eloy Velasco, quen denegou a suspensión da medida cautelar imposta ao considerar que en prisión pode tratarse calquera enfermidade, agás unha de carácter terminal.

A fiscalía alegou que concorría risco de fuga. Sobre Osório López pesa unha acusación de "pertenza a banda armada en grao de dirección", delito para o cal o código penal contempla unha pena de cárcere que podería chegar até os 12 ou 16 anos.

O avogado da defensa, Borxa Colmenero, presentou entón varias peticións reclamando que unha ou un medic@ extern@ á prisión entrase na cadea e verificase cal era a súa situación ou que o propio centro penitenciario facilitase informes ao respecto. Perante máis unha negativa, desta volta no mes de novembro, elevou un recurso á Sala do Penal, sección 2ª, da Audiencia Nacional.

"Ningunha acción violenta" nin a tenza directa "de ningún medio perigoso"

O auto ditado por este órgano, con data do 4 de febreiro de 2013, sinala que non existe risco de fuga ao non se lle imputar a Osório López "ningunha acción violenta" nin a posesión "de ningún medio ou instrumento perigoso", senón un delito xenérico de "pertenza" a Resistencia Galega, sen se pronunciar a respecto da finalidade "terrorista" que tanto o Ministerio de Interior como a imprensa veñen atribuíndo de maneira sistemática á mencionada organización, dando por probada a súa existencia e vulnerando a presunción de inocencia dos sete cidadáns galegos que fican presos sen seren xulgados.

Así as cousas, o auto da Sala reviste relevancia ao ser esta a instancia inmediatamente superior á que preside Eloy Velasco, cuxas investigacións, segundo ten denunciado Borxa Colmenero, "van orientadas a confirmar a existencia de Resistencia Galega". O documento, ao que Sermos Galiza tivo acceso parcialmente por conter dados referidos á saúde de Maria Osório, acrecenta que a posta en liberdade da independentista se determina ollando non só a imputación delitiva que sobre ela pesa, senón tamén elementos de arraigamento familiar e social. Por todo isto, valora como "desproporcionado e, por tanto, inxustificado" o mantemento "a ultranza" a medida cautelar que lle fora imposta hai xa máis dun ano.

"Por uns litros de gasolina na casa poderían deter moitos cidadáns desta provincia"

Prendida pola policía española o 3 de decembro de 2011 canda o seu compañeiro, Antom Santos, ficou desde aquela en prisión preventiva sen ser xulgada, sometida á dispersión en cárceres do Estado español e sob aplicación da lei antiterrorista. As mostras de solidariedade con amb@s @s dúas non deixaron de se suceder, pois eran moi coñecidos polo seu activismo político e social. Mesmo Manuel Martínez (PSdeG-PSOE), alcalde de Becerreá, a vila natal de Osório López, mostrouse moi taxativo ao coñecer a detención da becerrense e do seu compañeiro.

En declaracións ao xornal local El Progreso manifestou que "veremos o que hai, mais se é por ter uns litros de gasolina na casa, poderíase deter a moitos cidadáns desta provincia". Cómpre lembrar que na vivenda que Maria Osorio e Antom Santos partillaban en Lugo a policía dixo ter achado unha garrafa con oito litros de gasolina e "abundante literatura revolucionaria". Sen máis indicios coñecidos, prendéronos e encarceráronos baixo lexislación antiterrorista, acusándoos de estar a preparar "un atentado" para o 6 de decembro, día da Constitución española.

Comentarios