María Pose (PP), investigada por prevaricación, recunca na alcaldía de Santa Comba co apoio do PSOE

'Nós Diario' informou a semana pasada en exclusiva da apertura da investigación xudicial.
A popular María Pose, na toma de posesión da acta de edila após as últimas eleccións municipais.
photo_camera A popular María Pose, na toma de posesión da acta de edila após as últimas eleccións municipais. (Foto: Arquivo)

A popular María José Pose foi investida esta terza feira como rexedora de Santa Comba, após se consumar a moción de censura presentada polos seis concelleiros do PP en conivencia con dous edís do PSOE, mentres os catro restantes optaron pola abstención. Deste modo remata o mandato de David Barbeira (único representante local de Compromiso por Galicia), que accedera ao cargo prometendo aos socialistas unha alternancia no poder que se debería ter producido este mes de xuño, mais á que Barbeira se tería negado.

Pose afirmou que, grazas a este acordo, nesta terza feira se cumpriu "a vontade da veciñanza", que en 2019 deixara o PP a apenas cinco votos da maioría absoluta.

"Vostede tivo a oportunidade de gobernar, mais o experimento non lle puido saír peor", reprochoulle a Barreira, quen, pola súa banda, acusou a formación socialista de ser "o maior aliado do PP" e ter desenvolvido un "labor destrutivo de oposición" contra a súa xestión.

Exclusiva de 'Nós Diario' sobre a investigación de Pose

O pasado 7 de xuño Nós Diario informaba en exclusiva da apertura de dilixencias previas por un presunto delito de prevaricación administrativa contra María Pose. O xulgado de instrución número 1 de Negreira iniciara a investigación a raíz dunha denuncia en que se acusa o Goberno local, dirixido por Pose entre 2014 e 2019, de dar un trato de favor á directiva da comunidade de usuarios de Augas de Grixoa.

A daquela alcaldesa executara en maio de 2018 o asfaltado da contorna da Igrexa de Grixoa de cara ás festas do Espírito Santo, celebradas a finais dese mes. Porén, segundo as persoas denunciantes, non foron licitadas e adxudicadas até sete meses despois.

Aliás, en 2017 a comunidade de Augas de Grixoa aprobara parte dunhas obras de canalización a executar por unha empresa privada que, segundo a denuncia, comezaron de forma inmediata sen ningún tipo de licenza ou comunicación. Nesta obra tería participado persoal do Concello, malia tratarse dunha iniciativa privada.

Consultada por este xornal, Pose expuxo: "Figuramos como imputados calquera alcalde que estea nun proceso aberto e haxa alguén que denuncia sen razón. É un proceso onde están todos os informes favorábeis e non hai ningunha ilegalidade".

Comentarios