A ministra de Sanidade pide na Coruña o voto para o PSOE para acadar un “goberno estábel”

María Luisa Carcedo acudiu a un encontro con entidades sociosanitarias na Coruña. Despois,canda o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu ante os medios que o único "vóto útil" é o do PSOE.
María Luisa Carcedo, número dous do PSOE ao Congreso por Asturias e ministra de Sanidade en funcións [Imaxe: Europa Press]
photo_camera María Luisa Carcedo, número dous do PSOE ao Congreso por Asturias e ministra de Sanidade en funcións [Imaxe: Europa Press]

A candidata número dous por Asturies ao Congreso e Ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social en funcións, María Luisa Carcedo, reivindicou esta segunda feira na Coruña ao PSOE como “voto útil” para acadar un Goberno “estábel”. Así o manifestou após manter unha reunión con entidades sociosanitarias na cidade herculina, canda o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Tras a reunión, preguntada polo debate a cinco que os candidatos á presidencia do Goberno manterán esta segunda feira pola noite, afirmou que confía en que permita á cidadanía “identificar os proxectos políticos que pensan no benestar da cidadanía, en promover a xustiza social e en que haxa máis equidade”.

Carcedo asegurou que o PSOE ten un “proxecto político de futuro para o país”. Preguntada polas manifestacións do líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, que o pasado sábado defendeu na Coruña o seu partido coma o do “o voto útil”, a ministra en funcións asegurou que a diferencia do partido socialista co morado é que ofrece “un Goberno estábel”. “Outros falan de contribuír a ese Goberno”, dixo en alusión a Unidas Podemos.

Na mesma liña, Carcedo incidiu en que o voto útil é para quen ten “máis posibilidades de configurar un Goberno”. “Por iso estamos pedindo un respaldo máis contundente que no 28 de abril, para poder facer ese Goberno e que non haxa posibilidades de retroceder”, proclamou.

Comentarios