María Jesús Montero di que Feixoo representa "á ultradereita" na Galiza e apela ao "cambio" co PSdeG

A ministra portavoz do Goberno español acusa a presidentes territoriais de "mentir" ao sinalar que durante a alarma "sempre conservaron" as competencias.
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, co presidente da Fegamp Alberto Varela, e o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, este domingo en Vilagarcía (Europa Press). Precampaña electoral. 
photo_camera A ministra de Facenda, María Jesús Montero, co presidente da Fegamp Alberto Varela, e o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, este domingo en Vilagarcía (Europa Press).

A ministra de Facenda e portavoz do Goberno español, María Jesús Montero, ironizou con que o actual presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feixoo, "ten toda a razón" cando di que "representa a toda a dereita" na Galiza, porque isto tamén inclúe "á ultradereita, a aqueles que non cren na política".

Así se manifestou este domingo durante un mitin en Vilagarcía de Arousa no que arroupou ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, como candidato do "cambio" nas eleccións do vindeiro 12 de xullo. Un acto no que tamén interviñeron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Vilagarcía e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela; e o deputado galego e integrante da lista por Pontevedra Julio Torrado.

Rodeada de centos de persoas ataviadas con máscaras, Montero proclamou que Galiza "necesita un cambio" porque "ten que estar á vangarda" e "á altura da innovación". "Necesitamos, para que este país progrese, que Galiza se poña en pé, que sexa capaz de pelexar polo que lle corresponde. Necesita servizos públicos de calidade", estimou.

Montero dedicou parte do seu discurso a desmentir a moderación do presidente da Xunta, quen, segundo as súas palabras, pretende transmitir o "vello conto" no que fai "de poli bo" para "intentar parecer distinto ao que fai o PP no resto de España": "A política de acoso e derribo de intentar tombar ao Goberno".

"Non vale utilizar unha situación tan grave no noso país para intentar sacar rédito político", engadiu, para criticar aos populares, quen, como a "ultradereita" de Vox, "segue crendo" que o Executivo estatal "saído das urnas" é "ilexítimo".

Feixoo "tocas as palmas" para Casado

Aproveitando ademais a presenza en Compostela do presidente do PP, Pablo Casado, noutro mitin de precampaña, Montero afeou a Feixoo que "toque as palmas" ao discurso do seu líder e que "non cuestione" a súa política. "Simplemente, para diferenciarse, intenta utilizar palabras máis suaves. Pero no fondo a política, as propostas e a ideoloxía son as mesmas", asegurou.

De igual modo, reivindicou as medidas impulsadas polo Goberno estatal en materias como a sanidade, porque "non se puxo de perfil" aínda que estivesen "intactas as competencias das comunidades autónomas".

"Que é isto de que agora digan presidentes que había un mando único e que non tiñan responsabilidade? Menten, sempre conservaron as competencias de residencias de maiores, dos centros sanitarios, da atención primaria, da educación, de todos os servizos que prestan", afirmou.

"Máis de 1.200 millóns" a Galiza

María Jesús Montero tamén aproveitou para lembrar o fondo de 16.000 millóns de euros non reembolsábeis aprobado no Consello de Ministras e os 300 millóns transferidos para gasto sanitario ao comezo da pandemia. Así, cifrou en "máis de 1.200 millóns" o montante recibido por Galiza mentres Feixoo "di que lle parece pouco, di que é inxusto a repartición e di que lle corresponde máis diñeiro".

"Onde, un gobernante ao que outra Administración sen corresponderlle dálle diñeiro, ten que realizar algún tipo de reproche, de acusación, de infamia, de mentira? Galiza ten o que lle corresponde. Igual que o ten Catalunya, igual que o ten Andalucía, igual que o ten Madrid. Porque este Goberno non mira a cor política dos que gobernan, mira á xente, só á xente", garantiu a ministra.

"Por iso, Gonzalo, chegou o cambio a Galiza", proclamou a continuación, coa mirada posta no candidato socialista e coa esperanza de que poña fin a "11 anos duros" dunha Xunta que "non cre na sanidade pública, na educación pública, na política de dependencia e de estímulo local", senón que "prefire os modelos privatizados" e "o clientelismo".

Comentarios