Mareas municipalistas reclaman que os concellos xestionen unha terceira parte dos Fondos Europeos de Recuperación

Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea de Vigo demandarán ese reparto nos Plenos das dúas cidades, e Marea Atlántica fará o propio na Deputación da Coruña.

marea xulio ferreiro martiño noriega

As mareas municipalistas de catro cidades galegas reclaman que os concellos poidan executar unha terceira parte dos Fondos Europeos de Recuperación, tanto a través de proxectos de xestión directa como de iniciativas transversais ou supramunicipais.

Compostela Aberta, Marea Atlántica, Ferrol en Común e Marea de Vigo instan o Goberno do Estado a ter en conta ás administracións locais no reparto deses fondos e á Xunta a impulsar un mecanismo de diálogo entre as administracións públicas, axentes sociais e axentes socioeconómicos para a correcta administración do Fondo de Recuperación europeo no noso país.

As mareas municipalistas defenden que, como administración pública máis próxima á cidadanía e como responsábeis de gran parte dos servizos básicos, “os concellos deben xogar un papel fundamental para executar os Fondos Europeos de Recuperación porque teñen un especial coñecemento das necesidades da cidadanía, e máis no actual contexto de crise sanitaria e económica”.

Compostela Aberta, Marea Atlántica, Ferrol en Común e Marea de Vigo inciden, ademais, en que o Estado español recibirá nos próximos seis anos 140.000 millóns de euros deses fondos comunitarios, “unha cifra elevadísima se a comparamos cos 40.000 millóns de euros dos fondos estruturais de investimento do sexenio 2014-2020, e que terá que ser executada nun periodo moi breve de tempo, poñendo a proba a capacidade de gasto das administracións públicas”.

Comentarios