As mareas municipalistas marcan o rumbo que as conducirá ás eleccións galegas

Xulio Ferreiro, ex alcalde da Coruña, retorna á primeira liña política.
mareas municipalistas
photo_camera mareas municipalistas

As eleccións galegas mandan. A falta de que o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, poña data definitiva para os vindeiros comicios, sucédense os movementos nos diferentes espazos políticos da Galiza. A xuntanza en Ferrol, na última semana de xaneiro, das representantes das catros candidaturas municipalistas con presenza nas corporacións das cidades galegas; a renovación, nos últimos días, dos órganos de dirección de Compostela Aberta e da Marea Atlántica e as novas responsabilidades políticas de Xulio Ferreiro e de Martiño Noriega dan pistas das prioridades actuais das mareas municipais urbanas.

As candidaturas municipalistas non están dispostas a actuar de convidadas de pedra no proceso de conformación dunha alternativa a Núñez Feixoo. A reunión de Ferrol é toda unha declaración de vontade sobre o papel que pretenden xogar nos próximos meses pero tamén un toque de atención a unha parte das forzas políticas do espazo de ruptura. Neste sentido, fontes de Compostela Aberta e da Marea Atlántica contactadas por Nós Diario amósanse críticas coa “falla de tacto demostrada por Podemos nas súas relacións cos espazos municipalistas e co seu escaso interese en darlle a representación que merecen na política galega”. 

A nova dirección de Marea Atlántica, reunida por primeira vez tras a súa elección a pasada terceira feira, fixou na súa xuntanza como obxectivo “o inicio da rolda de contactos con organizacións e mareas do mesmo espazo político que a Marea Atlántica, tanto a nivel local como autonómico, que encabezará o responsábel da área de Confluencia e Cohesión do Espazo, o alcalde da Coruña no anterior mandato, Xulio Ferreiro, demostración do papel activo que pretenden xogar nos próximos meses”. Marea Atlántica, que nas citas electorais estatais de 2019 acordou non apoiar ningunha candidatura, inicia agora un camiño diferente.

Xulio Ferreiro retorna á primeira liña política

A volta de Xulio Ferreiro ao primeiro plano da acción política deu para diversas interpretacións. Mentres desde algúns sectores de Podemos vinculan a súa volta co interese de saltar a responsabilidades institucionais no ámbito nacional, a dirección da Marea Atlántica cualifícao como “o principal capital político desta formación que esta aquí para axudar nun momento de emerxencia”. A súa nova responsabilidade na dirección da Marea Atlántica, como persoa encargada de conducir as negociacións e buscar acordos con outras formacións de cara ás eleccións galegas, sitúao nun papel privilexiado no actual escenario. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios