O Campo da Leña da Coruña acolleu na mañá do domingo un acto de conmemoración dos dous anos de goberno da Marea Atlántica. Unha celebración convocada baixo o lema “Marea Atlántica, dous anos de cambio común” e en que participaron representantes doutras candidaturas municipalistas, como o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, ou o de Ferrol, Jorge Suárez.
O rexedor coruñés, Xulio Ferreiro, valorou os dous anos de mandato como unha etapa “razoabelmente positiva” e asegurou que “fixemos cambios na cidade en todas as áreas”. Así, salientou o labor na área cultural ou na de xustiza social. Nesta última puxo como exemplo a renda social, a medida “estrela” do Goberno municipal e que non está a ter a acollida esperada.
Ferreiro sinalou que o programa electoral da Marea Atlántica “ten un nivel de cumprimento alto”. De aí que recoñecese que “fican moitas cousas por favor”.
Aliás, o alcalde da Coruña defendeu que é posíbel gobernar “doutra maneira”, “desde a proximidade”, engadiu. “Sabemos que o noso papel é poñernos do lado dos máis débiles”, acrecentou.
Na mesma liña, Jorge Suárez, cuxa situación á fronte no concello de Ferrol é cada vez máis débil debido á falta de apoios mesmo dentro do seu propio grupo, subliñou que Ferrol en Común “recuperou as políticas de benestar e participación en tempos moi duros”.
Tamén interveu o seu homólogo en Compostela, Martiño Noriega, quen subliñou a necesidade de “exercer a dignidade”. “As institucións tómanse para as poñer ao servizo dos que levaban sendo agredidos anos e anos”, afirmou. Recoñeceu que os dous anos de goberno en Santiago foron “moi duros”.