As mareas municipalistas acusan Villares de impulsar unha escisión da 'unidade popular' en Ferrol

As mareas municipalistas non afectas ao villarismo víronse este sábado en Ferrol, cidade que non vive o mellor momento da 'unidade popular' precisamente. A cimeira —cunha participación de por volta de 150 persoas— saldouse cunha acusación á coordenadora de En Marea, o grupo dirixente liderado por Luís Villares. A de que está detrás da criación de Marea de Ferrol, unha escisión da 'unidade popular' que podería competir con Ferrol en Común nas municipais 2019. No encontro non estivo presente Xulio Ferreiro, o líder da Marea Atlántica. 

encontro municipalista
photo_camera Un momento da cimeira municipalista

O III Encontro Municipalista reuniu por volta de 150 persoas en representación de 25 marés, lideradas polas urbanas (Compostela, Ferrol e A Coruña). Destacou a ausencia do alcalde da Coruña, o que aínda reforza máis o perfil de Martiño Noriega como líder nacional de facto do agrupamento de forzas contrarias ás teses villaristas dentro do espazo da confluencia.

A unidade popular continúa a ser o mantra dos críticos, mais se hai algunha praza en que esta se debruza sobre o abismo esa é Ferrol. Non só pola aparición de Marea de Ferrol, unha sorte de escisión apadriñada por membros da coordenadora de En Marea —da que fai parte Esther Leira, edil non adscrita e expulsada no seu momento de Ferrol en Común—, senón tamén porque foi na cidade departamental onde se apresentou este sábado un novo espazo da autodenominada como esquerda rupturista, Xuntos Actúa, o partido que no estado dirixen Baltasar Garzón e Gaspar Llamazares e que nos seus inicios se nutre na Galiza de antigos militantes de Podemos, Esquerda Unida e a propia Ferrol en Común.

As fendas na confluencia preocupan, e moito a Jorge Suárez, alcalde de Ferrol. Tanto que nas conclusións deste III Encontro Municipalista deslízanse críticas á dirección de En Marea pola súa "inxerencia" ao ter promovido a aparición dunha nova formación política —Marea de Ferrol— que eventualmente competirá con Ferrol en Común, a marca que goberna a cidade desde 2015 e que as marés municipalistas consideran como o referente lexítimo do espazo da "unidade popular e de ruptura" na urbe departamental.

Nun comunicado enviado aos meios, as marés agrupadas nesta cimeira entenden que o partido instrumental que dirixe Villares non debe "actuar como un instrumento de parte que dificulte os procesos de unidade popular no ámbito municipal".

Carlos del Río, virtual candidato á alcaldía de Ferrol

Ferrol en Común, a Marea de Ferrol... e agora Xuntos Actúa. A nova forza política está liderada en Ferrol polo ex presidente de Ferrol en Común, Carlos del Río, que se perfila como virtual candidato á alcaldía en 2019. Del Río abandonou a confluencia após deixar graves acusacións a Jorge Suárez, ao que responsabilizou da "destrución da esquerda" na cidade.

Suárez pide unha "candidatura única"

Perante este panorama de extrema atomización, Jorge Suárez defende que a esquerda rupturista se agrupe nunha candidatura única. "O idóneo para min é que haxa unha única candidatura de mudanza e de unidade popular arredor do que representa o conceito Marea, o conceito de transformación que temos desenvolvido durante estes anos", afirmou este sábado.

Comentarios