En Marea vai a Mugardos a emprestar o seu apoio ao comité cidadán que pula pola saída de Reganosa da Ría

En Marea desprazou tres candidatos -os números 1 e 2 por A Coruña ao Congreso, Antón Gómez Reino e Yolanda Díaz; e o ex senador García Buitrón- a Mugardos para se solidarizar co comité cidadán e para anunciar que recorrerán a decisión do presidente do Congreso de non convocatoria da Deputación permanente en relación coa última decisión do goberno español sobre Reganosa.

unnamed
photo_camera Candidatos de En Marea con persoas do comité cidadán de emerxencia

O Consello de MInistros do pasado 26 de maio adoptou, en funcións, unha disposición sobre Reganosa que, a dicer dos candidatos de En Marea, supón un intento de legalizar a presenza de Reganosa na Ría de Ferrol, embora esta ser unha factoría “ilegal, perigosa e insalubre”, afirmou Yolanda Díaz.

Para analisar en sede parlamentar esta decisión, En Marea demandou a convocatoria da Deputación Permanente no Congreso. A demanda foi rexeitada polo  presidente do Congreso, Patxi López. Agora En Marea anuncia, no primeiro día da campaña, que apresentarán un recurso contra esta decisión de López.

Os candidatos de En Marea -dous deles, Gómez Reino e García Buitrón, de Podemos; Yolanda Díaz, de EU- cualificaron a decisión do Consello de Ministros do 26 de maio de “falcatruada do PP que pon en risco a seguridade da poboación da Ría de Ferrol”.

Gómez Reino perguntouse “quen se vai beneficiar de todo isto, quen se vai beneficiar da porta xiratoria de Reganosa” e chamou a votar En Marea o 26X para existir unha maioría parlamentar “que permitirá sacar Reganosa da Ría"

Comentarios