En Marea terá no Congreso as portavocías nas comisións de Cultura e Agricultura

Fernán Vello e Gómez Reino serán os voceiros do 'grupo confederal' de Podemos-En Comú-EnMarea nesas comisións lexislativas.


 

en marea fernán vello gomez reino yolanda díaz
photo_camera Deputados de En Marea diante do Congreso

En Marea ostentará as portavocías do 'Grupo Confederal' liderado por Podemos nas comisións de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través de Antón Gómez-Reino, e na de Cultura a través do deputado e escritor Miguel Anxo Fernán Vello.

En Marea destaca a importancia dos postos. “Na comisión de Agricultura, na que se dirimen asuntos fundamentais para os sectores produtivos do noso país como son o lácteo ou o cerco,”, e lembra que compartirá a de Industria, Enerxía e Turismo con En Comù-Podem, correspondéndolle á deputada galega Yolanda Díaz a portavocía titular e a vicepresidencia en todos os asuntos relativos a Industria, tanto en comisión como en pleno. Na Comisión de Igualdade será portavoz adxunta e vicepresidenta a deputada de En Marea Ángela Rodríguez.

Un acordo no "Grupo Parlamentario de Podemos-En Comú-En Marea” permitirá garantir a presenza da coligazón galega a través dos seus 6 deputad@s “en todas as comisións, agás Defensa”

En Marea afirma que chegou xa a un acordo cos “aliados no Grupo Parlamentario de Podemos-En Comú-En Marea” que permitirá garantir a presenza da coligazón galega a través dos seus 6 deputad@s “en todas as comisións, agás Defensa”. Alexandra Fernández será a portavoz de En Marea na comisión de Fomento e David Bruzos na comisión de Educación e Deporte.

O acordo ao que chegou o conxunto do 'Grupo Confederal' garante a capacidade dos parlamentares galegos, afirma En Marea, para poder presentar e defender todas as iniciativas relacionadas con Galiza no marco das súas respectivas comisións.

Comentarios