O PARTIDO DE BEIRAS CONDICIONA ESTE ACORDO AO AVAL DAS 'MAREAS'

'En Marea' reserva o primeiro posto da candidatura por A Coruña para Podemos e por Pontevedra para Anova

Así se establece no acordo político para as eleccións do 20-D asinado por ambas as dúas formacións e Esquerda Unida. No documento fálase desde a adscripción dos posíbeis deputados eleitos até os nomes e logos a figurar nas papeletas de votación.

O candidato de 'En Marea' pola provincia da Coruña será unha persoa designada por Podemos e o cabeza de lista pola provincia de Pontevedra será quen indique Anova-Irmandade Nacionalista. Así se recolle no ponto nº4 do acordo político para as eleccións do 20 de decembro asinado por Anova, Podemos e IU e que está a ser sometido ao referendo das bases de Anova. Un reparto de postos de saída que está condicionado, iso si, ao aval das 'mareas'.

“De cara a afortalar a construción do suxeito político e dar cabida aos actores fundamentais, acórdase que a candidatura de consenso garantirá a presenza das forzas políticas principais nos seguintes postos para o Congreso dos Deputados e Deputadas: Primeiro posto da candidatura ao Congreso pola circunscrición da Coruña: Podemos. Primeiro posto da candidatura ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra: Anova”. Así, textualmente, se recolle no apartado 'Confección e validación das candidaturas' do mencionado documento. Recóllese no mesmo, ademais, que “se establecerán mecanismos de rotatividade nos escanos que, en función do resultado electoral, garantan en calquera caso a representación parlamentaria das tres partes coaligantes ao longo da lexislatura”, así como que o resto dos postos das candidaturas “serán establecidos no marco de consenso con todos os axentes participantes do proceso”.

O documento, ao que tivo acceso Sermos Galiza, especifica (apartado 2) que “a fórmula xurídica que dará amparo á candidatura será o de unha coalición entre Anova, Podemos e Esquerda Unida”.

Grupo Parlamentar

No ponto tres deste acordo político faise referenza ao grupo parlamentar. Afírmase que as persoas que sexan eleitas pola coligazón de 'En Marea' conformarán un grupo parlamentar propio, indicando mesmo o nome que recibirá a mesma: “Grupo parlamentar galego (En Marea)”. Ora ben, explican, no caso de que non se logren os requisitos para conformar ese grupo parlamentar establécese que serán todos os axentes participantes na coligazón os que decidan sobre a adscripción dos parlamentares.

“A candidatura concorrerá baixo un nome común referenciado nos procesos de unidade popular municipal sen referencias a ningunha das organizacións partidarias” tamén se indica no acordo. Mais na papeleta, aclaran, “conterá o nome e logotipo comúns, acompañados da denominación dos partidos coaligantes. Na papeleta figurará tamén o logotipo de Podemos”. 

Comentarios