En Marea reitera a Podemos o convite a se integrar "en igualdade" no partido instrumental

Os alcaldes de Compostela, A Coruña e Ferrol lembran que até o 22 os podemitas poden integrarse no partido instrumental das marés.

Comparecencia alcaldes das Mareas_NósTV

En Marea manterá a porta aberta a Podemos ata o último minuto. Os alcaldes de Compostela, Ferrol e A Coruña compareceron esta sexta feira para reiterar o chamado a Podemos a se unir ao partido instrumental, ao tempo que manifestaban aque até o 22 de agosto hai tempo para tecer a alianza. Desbotaban así, máis unha vez, a coligazón (cuxo prazo de presentación finaliza na media noite desta sexta feira) pero mantiñan a porta aberta a unha alianza co partido podemita. Os teléfonos continúan abertos para negociar, dixeron, mentres recoñecían que nas vindeiras horas haberá novas reunións e xuntanzas coa delegación de Podemos.

En Marea, pois, sente que ten o tixolo polo mango. E aposta nos feitos consumados: finaloizado prazo para concorrer en coligazón só hai dúas vías: ou cada quen pola súa banda, soportando Podemos a factura da 'ruptura', ou ben Podemos acepta integrarse no partido instrumental. Os rexedores recoñeceron que a cuestón da fórmula de concorrencia non se limita ao eido xurídico, senón que entra no político: todos os actores políticos e sociais deste espazo deben participar en pé de igualdade.

Os alcaldes tamén ven “bos sinais” en que desde Podemos acepten Luis Villares como candidato ou que estivesen dispostos a aceptar primarias conxuntas. Mais o importante é que Podemos sexa unha peza igual que o resto no puzzle que está a erguer este espazo político en Galiza. 

Comentarios