En Marea reitera a Felipe VI a súa disposición a apoiar un 'goberno do cambio'

Alexandra Fernández comunicou ao monarca español o “profundo malestar” que hai na Galiza por mor da prórroga a ENCE. A voceira da coligazón emprazou os socialistas a que “non cedan á tentación conservadora do felipismo zombi".

marea rei alexandra

Felipe VI recibiu esta sexta feira a portavoz de En Marea no marco da segunda quenda de consultas para designar candidato á presidencia do goberno español. Alexandra Fernández reiterou perante o monarca español a disposición a apoiar un goberno "alternativo ás políticas de recortes do Partido Popular". “O desexo de cambio político é maioritario entre a cidadanía. Na Galiza e no conxunto do Estado. Hai que atender ese mandato democrático da cidadanía”, dixo Alexandra Fernández. A deputada sinalou que “confiamos en que o PSOE non ceda á tentación conservadora do felipismo zombi", ao tempo que realizaba un "especial chamamento" o PSdeG para que "se comprometa co goberno de cambio".

Dende En Marea tamén se lle trasladou a Felipe VI o "profundo malestar" polas actuacións do Goberno en funcións de Mariano Rajoy, concretamente a ampliación da prórroga a ENCE na ría de Pontevedra. “Dixémoslle que nos parece unha cacicada e un nefasto exemplo de como funcionan as portas xiratorias", alegou.

Comentarios