Seijas rexeita implicitamente as propostas de Ferreiro e Noriega

En Marea reitera que concorrerá "en solitario" ás eleccións xerais

A vontade de En Marea como partido político, na práctica neste momento reducido ao núcleo villarista, é inequívoca: concorrerá como tal, "en solitario", ás eleccións xerais do 28 de abril. Así o afirmou esta cuarta feira a viceportavoz da confluencia, Ana Seijas, quen compareceu ante os meios para apresentar o calendario de primarias do partido instrumental.

Ana Seixas, vicevoceira, e Luís Villares, voceiro de En Marea.
photo_camera Ana Seijas, con Villares, na conferencia de imprensa do pasado sábado

Sen se referir explicitamente a elas, Ana Seijas rexeitou esta cuarta feira as propostas de coalición formuladas nas últimas horas no mundo da confluencia, con Xulio Ferreiro a asumir un papel de destaque e Martiño Noriega a apoiar a iniciativa do alcalde coruñés.

Como xa informou Sermos esta semana, a dirección do partido liderado por Villares non contempla ningunha caste de coalición: nin a reedición da tripartita de 2016 -a formada por Anova, Esquerda Unida e Podemos— nin a entente ampliada pola que advogou esta semana Xulio Ferreiro, unha plataforma a que se poderían aderir as mareas municipalistas e a propia En Marea.

"O Consello da Marea iniciaba [o pasado sábado] o proceso de primarias para concorrer en solitario ás eleccións xerais", dixo Seijas na conferencia de imprensa, en que avanzou tamén os trazos argumentais básicos da campaña da confluencia cara ao 28A: a aposta pola rexeneración democrática, a xustiza social e a defensa dos intereses galegos en Madrid.

"En Marea defende a voz das galegas en Madrid. Queremos que esa voz continúe presente alí", afirmou, nun discurso moi próximo ao tradicional do BNG.

Primarias abertas

Seijas puxo en valor que o proceso de escolla das candidaturas de En Marea será desta volta a través dunhas primarias "abertas" a todas as galegas e galegos que se inscriban no censo até o 28 de febreiro, o mesmo día en que se fechará o prazo de presentación das candidaturas.

A número dous da confluencia destacou que esta é a primeira vez que unha forza política galega opta polas primarias abertas para escoller as súas listas, marcando distancias co método —o acordo entre os partidos— adoptado en 2016 á hora de confeccionar as candidaturas.

A dirixente defendeu tamén a proposta lanzada por Luís Villares de entente de "todas as forzas progresistas galegas", en alusión ao BNG e PSdeG, para conformar, aquí si, unha coalición electoral ao Senado. Cualificouna de "fronte ampla" e de "lugar de encontro" para impedir que a dereita obteña 12 escanos no Senado en representación de Galiza.

Comentarios