Ana Seixas, viceportavoz de En Marea

"Neste momento non hai contactos con Errejón"

En Marea dedicou o seu plenario do pasado 13 de xullo a reivindicar o seu rol, o seu espazo, na política galega. Nada de se enlear na melancolía do paraíso non alcanzado, do réxime non derrubado, e si moita vontade de enfatizar a súa condición de forza política necesaria para o futuro do país. Derrotada nas urnas, En Marea non deita a toalla ao chan e asume o reto do próximo combate, o das galegas 2020. "Queremos facer unha achega en positivo", afirma Ana Seixas, viceportavoz da formación, sabedora de que a alternativa a Feixoo ou será plural ou non será.

AnaSeijas1
photo_camera Ana Seixas

Ana Seixas tenta transmitir en todo momento un espírito optimista, de rebeldía contra o derrotismo. A viceportavoz está certa de que En Marea ten bazas que xogar no taboleiro político galego, e non a medio e longo prazo, senón xa, co horizonte posto en 2020. Así o deixa claro nesta entrevista con Sermos Galiza

Como definiría o estado de En Marea após os malos resultados electorais de xerais, municipais e europeas e a realización do plenario do pasado sábado?

En Marea está reilusionada e arranca con forza cara aos novos desafíos políticos e cara aos novos comicios electorais que van ter lugar o próximo ano, as eleccións autonómicas de 2020.

E nesas eleccións estará seguro En Marea?

Nesas eleccións estará En Marea, claro. Queremos facer unha achega en positivo á política galega despois da reflexión que fixemos logo deses efectivamente malos resultados electorais. O debate feito por todas as inscritas durante estes dous últimos meses concluíu no plenario do pasado sábado e todas concordamos en que En Marea é necesaria na política do país, que é necesario ese espazo progresista, feminista, ecoloxista, que loita contra a precariedade laboral. Fixemos unha fonda reflexión con vistas a nos adaptarmos aos novos tempos políticos. 

No plenario acordaron delegar nas inscritas a decisión da forma de concorrencia [en solitario, en coalición] a ese proceso electoral. Vostede como dirixente inclínase por algunha fórmula concreta?

"No plenario fixemos unha fonda reflexión con vistas a nos adaptarmos aos novos tempos políticos"

Nós agora estamos nun momento de marcar o camiño cara ás eleccións de 2020. Estamos nun momento de marcar as liñas estratéxicas polas que vai discorrer tanto a acción institucional como o noso labor organizativo e de relación coa rúa e cos movementos sociais. Este é o momento en que estamos agora. As eleccións de 2020 son un escenario que aínda está aberto e temos tempo por diante para tomarmos decisións. 

No texto oficial sosteñen a tese de que “a diversidade de oferta electoral lonxe de ser unha rémora constitúese nun factor de mobilización do voto”. Esta frase non se corresponde cos sufraxios recollidos por EM nas últimas convocatorias.

Temos que mobilizar esas persoas que logo dun momento de indignación sufriron unha decepción, e que agora poden estar nunha fase de resignación ou apatía. Persoas que viron como a política non respondeu aos seus problemas. Nós facemos unha lectura crítica do que aconteceu nestes últimos anos, desde finais da pasada década e por suposto desde o nacemento de En Marea. Nós cremos que voltar a remobilizar esa xente pasa por traballar na unión das persoas sobre a base duns determinados principios e valores. Por iso falamos de reilusionar nesta nova etapa e de ofrecer a todas esas persoas un espazo progresista amplo que non se ve referenciado noutras opcións políticas, nese social-liberalismo do PSOE ou nesa viraxe á izquierdaunización de Podemos.

Sendo conscientes do proceso que acabamos de sufrir, En Marea pon agora o acento na unidade das persoas antes do que na unidade dos partidos. Queremos deixar á marxe dunha vez as liortas internas e ofrecer un espazo que pode reilusionar unha cidadanía progresista que cre en si propia. E queremos facelo desde esa referencia que facemos de nós mesmos a partir desa identificación coa construción dun espazo nacional, entendendo que Galiza é unha nación. Unha nación inclusiva, moderna, plural, onde ten cabida todo o mundo: aqueles que deciden vivir na Galiza, aqueles que somos galegos e aqueles que queren o país mesmo non vivendo nel. Esas son as bases para a mobilización dunha cidadanía que necesita este espazo político para solventar os seus problemas.

No relatorio hai unha redefinición da organización, un certo abandono do rupturismo, mais ao mesmo tempo vacínanse vostedes contra un hipotético “intento de homologación coa socialdemocracia realmente existente”.

Queremos deixar á marxe dunha vez as liortas internas e ofrecer un espazo que pode reilusionar unha cidadanía progresista que cre en si propia

Si, sobre o abandono do rupturismo... falamos do feche dunha ventá de oportunidades, ese momento da indignación que se abría hai 7 ou 8 anos e que nós pensamos que neste momento está fechado. Non foi posíbel mudalo todo como se pretendeu nos últimos anos, mais non abandonamos a idea de reforma sistémica, non abandonamos a loita contra a precariedade social... E, ben, nós efectivamente pensamos que o PSOE é máis un partido liberal que socialista e desde logo coidamos que é necesaria a existencia dun espazo que loite contra a precariedade, contra a merma de oportunidades sociais e laborais contra a perda de dereitos.

Nos debates asemblearios puido percibirse unha certa polémica interna entre a maioría da dirección saínte e Cerna, o que deu pé á interpretación de que este partido demandaba a definición clara de EM como formación soberanista, posición non compartida polo núcleo máis próximo a Luís Villares.

Nun plenario o que hai sempre son voces diversas, mais non hai bloques dentro da organización. Todo o mundo estaba chamado a facer as súas achegas, as súas emendas aos documentos que se presentaban —quer ao político quer ao organizativo— e iso foi o que se fixo, nun ambiente teño que dicir de total fraternidade, de escoita e respecto por todas as persoas que alí estabamos, a apostarmos no mesmo proxecto e que podiamos defender distintos matices perante os documentos a debate. E iso foi o que aconteceu, enriquecemos os textos cos matices que tiveron máis apoio por parte das persoas inscritas. Desde logo En Marea é unha En Marea soberana, que xa navega sen tutelas e é un proxecto nacional de adscrición individual como defendemos sempre e iso é o que din os textos aprobados no plenario.

“A construción dun proxecto nacional é a única vía para definir unha alternativa de maiorías sociais en clave de progreso e autogoberno”, afirman nas teses. Esta frase evoca un chisco o argumentario do BNG, non?

En Marea é un proxecto nacional de adscrición individual como defendemos sempre e iso é o que din os textos aprobados no plenario

Esta frase o que evoca é futuro, modernidade e un posicionamento claro na política galega daqueles que defendemos os intereses dos galegos e das galegas. Como sempre dixemos, este é un proxecto nacional, para Galiza e dende Galiza, e iso é o que sempre defendemos e continuamos defendendo. Por iso falamos dese proxecto soberano, por iso falamos de máis autogoberno que nos permita desenvolvernos como corresponde aos nosos dereitos como país.

Unha persoa independentista ten cabida en En Marea?

En Marea está aberta a todas as persoas, a nacionalistas e a non nacionalistas. É un espazo que se basea nunha concepción de Galiza como nación aberta e na vontade de convivir, un proxecto para que toda a xente se sinta cómoda.

Falan de tecer “alianzas horizontais” no Estado español e a UE e circula por aí a especulación de que, desbotado Podemos, o socio estatal de EM podería ser a forza política que podería liderar Íñigo Errejón.

Nós cremos nun estado plurinacional e sempre entendemos que tiñamos que tecer alianzas con outras forzas políticas que partillen esa definición. Xa nas eleccións europeas concorremos con outras organizacións, como Compromís, e pensamos que para acadar os nosos obxectivos e para termos capacidade de acción en todos os ámbitos, nada mellor que entendernos con forzas irmás doutros lugares do Estado. Sempre teremos as portas abertas para aquelas organizacións que compartan principios connosco. Non hai máis alianzas neste momento. A do plenario é unha declaración de intencións, pero que non é nova, xa viña do pasado. Portas abertas e intención de diálogo con todo o mundo que respecte o noso carácter de nación.

Mais ten habido contactos con Errejón ou non?

Neste momento non hai contactos.

Comentarios