En Marea reclama soberanía para Galiza poder “decidilo todo”

A número 1 da candidatura por Pontevedra, Alexandra Fernández, asegura que defenderán o dereito a decidir para “sermos o que queiramos ser”.

en marea vilagarcía
photo_camera Acto Vilagarcía (Imaxe: En Marea)


En Marea celebrou este pasado sábado dous actos electorais, marcados por unha mesma mensaxe: a aposta polo dereito a decidir. Así o defendeu a cabeza de lista da candidatura de confluencia por Pontevedra, Alexandra Fernández, que considerou que “nós, galegos e galegas, igual có resto de nacións do estado, temos dereito a sermo que queiramos ser. Por iso defenderemos o dereito a decidir, porque chegou o momento de decidilo todo”, durante un mitin en Vilagarcía. 

Mentres, en Lalín, o vicevoceiro de AGE, Antón Sánchez, denunciou que “en Galiza roubáronnos a soberanía e os recursos, que están ocupados por empresas estranxeiras”. Por ese motivo, reclamou “soberanía para poder cambialo e decidilo todo”, unha cuestión que –dixo– pasa polo apoio a En Marea.

“En Galiza roubáronnos a soberanía e os recursos, que están ocupados por empresas estranxeiras”, denunciou Antón Sánchez.

A número 1 da candidatura por Pontevedra tamén falou de infraestruturas e esixiu “unha vertebración do territorio pensada desde as necesidades do día a día da xente do común”.

Pola súa banda, Sánchez centrou o seu discurso na corrupción e enumerou “a acumulación de estafas da que estamos sendo vítimas” por parte do PP. “Dinnos eses grandes xestores competentes que son Feijóo e Rajoy que non temos experiencia. É certo, nin falta que fai. É tempo que veñan os que non teñen experiencia pero que saben que na sociedade temos construída unha alternativa. Estamos tratando con auténticos corruptos que hai que meter na planeadora de Marcial Dorado e mandalos ao libre mercado” afirmou con ironía o deputado de AGE.
 

Comentarios