En Marea reclama unha oficina de atención ás vítimas do franquismo

O portavoz de En Marea Luís Villares comprometeu o apoio do seu partido no Congreso á constitución dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo. Fíxoo nun acto de campaña no Pazo de Meirás, onde foi acompañado das candidatas ao Congreso e ao Senado Ana Seijas, Mariló Candedo e Xosé Manuel Sardiña.
 

candidatas en marea pazo de meirás
photo_camera Candidatas de En Marea co seu portavoz Luís Villares (terceiro pola dereita) e activistas da memoria histórica. Foto: En Marea.

Tamén asistiu Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. “Levaremos ao Congreso dos Deputados a partir do día 28, en nome do exercicio de memoria democrática de toda Galiza, a necesidade de recuperar pola vía xudicial sen expropiación nin indemnización un ben que o pobo xa pagou unha vez”, dixo Villares, “como botín de guerra da familia Franco”.

Segundo o líder de En Marea, os galegos e as galegas “senten como propio” o Pazo de Meirás, “propio do patrimonio cultural e da memoria de Galiza”. Villares estabeleceu unha comparación entre Meirás e “a perda de Notre-Dame”. E criticou o PSOE porque, ao seu ver, “faltoulle valentía para aplicar plenamente a Lei de Memoria Histórica” e o PP “porque se senten herdeiros dos que espoliaron os bens do pobo”.

Xuntanza con activistas


As candidatas de En Marea e mais o seu portavoz tamén se xuntaron con activistas da mencionada comisión, antes os que se comprometeron “a levar ao Congreso unha iniciativa para a creación dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo”. Os obxectivos da mesma, engade En Marea, serán “asesorar, localizar e exhumar todas as persoas soterradas en foxas e gabias para darlles unha sepultura digna”.

Villares tamén lembrou que En Marea quere “a anulación de todos os procesos do franquismo que remataron en condena e foron simples farsas”.

Comentarios