En Marea reclama o dereito a decidir “tanto no eido social como nacional”

A número 1 da formación por Pontevedra, Alexandra Fernández, considerou que o réxime do 78 está quebrado e esixiu a derrogación do artigo 135 da Constitución española.

Alexandra Fernández (Imaxe: En Marea)
photo_camera (Imaxe: En Marea)


En Marea estivo esta terceira feira en Marín. A candidatura de confluencia reclamou o dereito a decidir “tanto no eido social como nacional”, durante un acto na biblioteca Vidal Pazos. A cabeza de lista por Pontevedra, Alexandra Fernández, considerou que o réxime do 78 está quebrado e esixiu a derrogación do artigo 135 da Constitución española así como unha auditoría da débeda pública. 

"Hoxe até Castelao sería tránsfuga por facer alianzas con forzas estatais”, advertiu Beiras.

“Nestas eleccións estamos a xogarnos o futuro das próximas décadas. Hai unha fenda no réxime do 78 que temos que aproveitar”, explicou Fernández. Estivo acompañada polo portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, que concordou na necesidade dun cambio no eido nacional e social. “Se queremos que Galiza como nación exerza a súa soberanía, hai que mudar todo en dúas dimensións, e hoxe para iso é indispensábel facer alianzas”, asegurou.

Beiras defendeu a candidatura de En Marea polas críticas diante do acordo político con Podemos e Esquerda Unida. “Parece que se un é nacionalista de esquerdas e opta por unha grande alianza de esquerdas, con forzas estatais que asumen os nosos dereitos como pobo, parece que somos tránsfugas, polo que intúo que hoxe até Castelao sería tránsfuga”, advertiu.

Comentarios