En Marea proxecta recuperar o plan de saúde mental “abandonado por Feijóo”

O partido instrumental anuncia unha estratexia de atención ao suicidio para frear o aumento do número de casos que situou Galiza á cabeza do Estado. "Garantiremos a asistencia universal nun modelo integrador e comunitario“, asegurou Villares.

unnamed
photo_camera (Foto: En Marea)

O candidato de En Marea á Xunta, Luís Villares, comprometeuse esta segunda feira a reforzar todos os “medios básicos para reducir o dano á saúde mental e o sufrimento, empeorado no actual contexto de crise económica“. Villares trasladou na porta do Hospital Psiquiátrico de Conxo as propostas da confluencia en materia asistencial, onde anunciou que a súa formación recuperará o plan de saúde mental “abandonado polo goberno de Núñez Feijóo desde 2009”.

“En Marea traballará por defender os dereitos sociais e sanitarios conquistados democraticamente pola nosa sociedade como elemento imprescindible para a convivencia social e do respecto aos dereitos dos máis febles, nomeadamente dos enfermos mentais. Garantiremos a asistencia universal nun modelo integrador e comunitario“, explicou Villares.

“En Marea traballará por defender os dereitos sociais e sanitarios conquistados democraticamente", manifestou Villares.

O candidato de En Marea anunciou tamén unha estratexia de atención ao suicidio para frear o aumento do número de casos que situou Galiza á cabeza do Estado nese ámbito, nun acto onde estivo acompañado pola concelleira de Política Social en Santiago, Concha Fernández, e a número seis da lista electoral pola Coruña, Flora Miranda.

Os representantes de En Marea sinalaron que a solución para estas problemáticas pasa por políticas de xustiza social e distributivas, por reforzar os servizos públicos e por un reparto de recursos equitativo. “A crise neoliberal á que o PP nos someteu estes últimos anos tivo consecuencias graves sobre a saúde das persoas, especialmente ás máis vulnerables e desprotexidas”, denunciou Miranda.

Na mesma liña decorreu a presentación que realizou a candidatura en Vigo, na entrada do Hospital Álvaro Cunqueiro. A número tres por Pontevedra, Eva Solla, chamou a reverter os recortes de persoal e a precariedade e adiantou que En Marea sacará concursos públicos de emprego tanto en atención primaria como especializada para recuperar a calidade asistencial. Acompañada da número cinco, Paula Quinteiro, e do número seis pola provincia, Manuel Moreira, as tres coincidiron en rexeitar “as políticas privatizadoras do PP”, anunciando que en caso de gobernar realizarán unha auditoría para estudar a recuperación de todos os servizos sanitarios privatizados. 

Comentarios