Comercio de proximidade

En Marea propón unha moratoria á implantación de grandes superficies comerciais

Villares defende desde Padrón impulsar o comercio local e de proximidade e unha nova lei de contratos do sector público.

en marea
photo_camera Luís Villares e Ana Seixas en Padrón

En Marea comprométese a defender no Congreso un conxunto de medidas encamiñadas a favorecer o comercio de proximidade, entre as que salienta a proposta dunha moratoria de dez anos á implantación de grandes superficies comerciais.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, sinalou desde a feira de Padrón a importancia de activar políticas que favorezan o comercio de proximidade e os produtos locais e ecolóxicos. Puxo en valor os modelos de produción xustos, xa que segundo afirmou “favorecen o desenvolvemento das economías locais e permiten coñecer quen é o que produce e a calidade dos produtos”.

“Apostamos pola promoción e protección do comercio de proximidade, do comercio local, ecolóxico e do comercio xusto”, sinalou Villares


En declaración aos medios, o voceiro de En Marea salientou que desde a formación política apostan “pola promoción e protección do comercio de proximidade, do comercio local, ecolóxico e do comercio xusto”, motivo polo que queren propor unha reforma da lei de contratos do sector público que outorgue preferencia aos produtos locais, de proximidade e producidos de xeito xusto e ecolóxico, así como unha reforma da lei de estabelecementos comerciais “que remate cos horarios desregulados das grandes superficies cos que o pequeno comercio non pode competir".

Comentarios