Marca distancias coa proposta de Compostela Aberta

A dirección de En Marea propón activar todos os foros de "participación, deliberación e decisión"

Non é preciso criar órgaos novos —a Mesa da Confluencia que propón Compostela Aberta—. Abonda con activar os xa existentes. As canles estabelecidas polo partido instrumental no seu plenario fundacional. Esa é a resposta que a executiva de En Marea dá a Martiño Noriega.

en marea
photo_camera Imaxe do último plenario de En Marea, realizado en marzo.

A dirección de En Marea, liderada por un Luís Villares que está en minoría no grupo parlamentar, non ve necesario criar un novo foro —coa participación directa dos partidos fundadores da confluencia— para debater a delicada situación interna en que se acha o autodenominado espazo rupturista na Galiza. Para a coordenadora mareante, a organización dispón de canles adecuadas para canalizar calquera discusión. E por iso vainas activar após á volta do verán, no comezo do curso político: 

Nun comunicado enviado aos meios, a coordenadora (executiva) de EM anunciou este domingo a convocatoria do Consello das Mareas (máximo órgao entre plenarios) para marcar así o inicio "do novo período despois da emblemática data do 17 de agosto [Día da Galiza Mártir]". Sería o paso previo para "activar (...) todos os foros de participación, deliberación e decisión dos que nos dotamos conxuntamente hai agora dous anos".

Por tanto, eses serían os foros en que os distintos componentes da confluencia deberían dar o debate sobre o futuro do partido instrumental, entenden desde a dirección de En Marea. Compostela Aberta e membros da coordenadora de EM mantiveron un contacto o pasado sábado, segundo informou La Voz de Galicia. Concluíu sen acordo, cada unha das partes enquistada na súa posición previa. Máis ben era un trámite sen posibilidade real de deixar atrás as desavinzas. Cuberto o expediente, o previsíbel é que Compostela Aberta estree esta semana a súa Mesa da Confluencia —á que se sumará, xa o anunciou, a Marea Atlántica de Xulio Ferreiro— sen que en principio vaia estar nela ningunha representación de En Marea como tal.

Que tarefas vai abordar o Consello das Mareas nesa cimeira post-17 de agosto? Alén da análise da conxuntura política, e do inicio para a elaboración das teses do vindeiro plenario (asemblea nacional) ordinario —programado para o mes de setembro— o máximo órgao político da confluencia estudará a "redacción dun regulamento para as vindeiras eleccións ao Consello". A renovación da dirección, que Compostela Aberta reclama para este setembro, non está prevista estatuariamente para a próxima cita congresual da confluencia, senón para unha cimeira posterior, en principio axendada en xaneiro, cando conclúa o período de dous anos de liderado de Luís Villares.

A dirección de En Marea volta a subliñar o seu discurso de empoderamento da militante de a pé en contraposición á proposta de Compostela Aberta, na que ven un deseño protagonizado polas cúpulas partidarias. "Con esta iniciativa [a activación dos foros de participación, deliberación e decisión] perseguimos que todas as persoas inscritas sexan protagonistas, tanto a nivel propositivo como decisorio, da liña de acción política dun espazo soberano que non admite tutelas externas ao poder decisión das persoas que a conforman, motor principal do espazo de esperanza e cambio político en Galicia", afirman.

 

Comentarios