O resultado non será vinculante

En Marea presiona a súa deputada Quinteiro cunha consulta “ás bases”

A ferida interna de En Marea agrándase. O seu máximo órgano de decisión, o Consello das Mareas, aprobou esta mañá unha consulta “ás bases” coa que pretende presionar á súa deputada Paula Quinteiro para que dimita. O resultado, porén, non será vinculante.
 

Luís Villares. 27 Febreiro de 2017
photo_camera O portavoz de En Marea, Luís Villares.

Dentro de “dúas ou tres semanas”, o “partido instrumental” iniciará un proceso que, segundo o sector crítico coa xestión de Luís Villares -minoritario no Consello das Mareas pero que agrupa entre outros Podemos, Esquerda Unida, o sector oficial de Anova e as mareas que gobernan na Coruña, Ferrol e Compostela- “non ten garantías” e é contrario aos regulamentos de En Marea.

Segundo explicaron á prensa os portavoces do órgano da confluencia Gonzalo Rodríguez e Victoria Esteban, o resultado da votación “non será vinculante, senón que será unha opinión política” sobre a continuidade de Quinteiro no Parlamento de Galiza. O Consello das Mareas decidiu aprobar este mecanismo por 17 votos contra os 3 representantes dos críticos.

A deputada de En Marea Paula Quinteiro -de Podemos, liña Anticapitalista- viuse envolvida nun incidente coa Policía Local de Compostela hai máis dun mes. A transcendencia mediática do mesmo abriu a caixa das desavinzas internas latentes en En Marea desde que, o pasado ano, Luís Villares asumiu o liderado do “partido instrumental” en contra do que propuña a candidatura interna que el mesmo encabezara.

Se ben o Consello das Mareas, e o propio Villares, esixen a dimisión de Quinteiro, o grupo parlamentario de En Marea oponse. Nel, o portavoz está en minoría e só apoian a súa postura outros dous parlamentarios -Paula Vázquez Verao, de Cerna, e Davide Rodríguez, da facción de Anova enfrontada coa dirección de Anova.

“Non desboto accións xudiciais”


A situación non deixa de enlearse. No medio da treboada intestina provocada polo incidente Quinteiro, transcendeu que outro deputado de En Marea, Juan Merlo -da dirección de Podemos Galiza- inchara o currículum que figura na web da Cámara galega. Presentou a súa dimisión. O seguinte na lista pontevedresa da coalición, Xoán Hermida, anunciou que renunciaba ao escano: tivera un incidente coa Policía Local de Pontevedra que se fixo público. Pero esta semana botouse atrás e afirmou que asumiría a súa condición de deputado “de maneira interina”, para así presionar Paula Quinteiro.

A maiores, Hermida realizou durísimas declaracións contra a súa compañeira de “partido instrumental” e, de momento, tamén de grupo parlamentario.

Paula Quinteiro, pola súa banda, explicou nas súas redes sociais que está a ser sometida a “acoso público”. “Ante as constantes difamacións sobre a miña persoa, se estas non se retiran á maior brevidade posible”, escribiu, “co fin de seguir desenvolvendo con normalidade, tal e como fixen ata agora, o meu labor de oposición ás políticas do PP e de defensa dos dereitos das maiorías sociais, resérvome o dereito de emprender as accións necesarias”.

Comentarios