Política

En Marea preséntase ás eleccións e quere facelo en coalición

O plenario telemático de En Marea aprobou con 62% de votos a favor concorrer ás eleccións galegas, e con 83% que desexan facelo “nunha gran coalición”.
En Marea
photo_camera En Marea

O plenario telemático de En Marea celebrado na mañá deste sábado aprobou con 62% de votos a favor concorrer ás eleccións galegas. Ademais, 83% sinalou que a forma de presentarse debería ser “unha gran coalición”.

As inscritas posicionáronse a respecto da concorrencia ás eleccións virtualmente, malia as dificultades das fendas dixitais e rurais, polo que desde a dirección consideran “un éxito” o plenario. Con máis de 200 inscritas, todas as que así o quixeron tiveron a oportunidade de partillaren as súas posicións co resto. O sentir favorábel da maioría topou, con todo, con 21% dos votos en contra e 17% de abstencións.

Vontade de coalición

Na cuestión referida a se presentarse en solitario ou en coalición, tan só 12% optaron pola primeira opción, fronte a 73% das inscritas, que manifestaron a vontade de facelo en conxunto. Incluiríase na alianza a Mareas e plataformas Municipais (83% a favor), así como a “forzas soberanistas que defendan un programa baseado en combater as emerxencias climática, social e feminista que vive o noso país, pulando por unha nova normalidade xusta e sostíbel”.

O resultado do plenario confirma as pulsións das xuntanzas comarcais que a formación celebrou hai semanas. No comunicado emitido aos medios, mostran a súa disposición ao diálogo coas posíbeis aliadas: “Por nós non quedará, se esa preocupación se concreta en vontade real de chegar a acordos”.

Comentarios