En Marea preguntará a Feixoo polo “maltrato ao persoal sanitario”

A precariedade laboral en varias das súas vertentes centrará actvidade de En Marea no pleno parlamentario da semana que vén. O seu portavoz, Luís Villares, preguntará a Feixoo polo “maltrato do persoal sanitario”.
 

luís villares
photo_camera O portavoz de En Marea Luís Villares. Foto: En Marea.

Mais non será o estado da sanidade pública a única cuestión relativa á precariedade que as deputadas da confluencia levarán ao pleno. O conflito de Poligal en Narón, a deslocalización da empresa de telemárketing Bosch ou a situación de Alcoa tamén serán obxecto de debate.

Villares explicou esta terza feira as súas xuntanzas con diferentes colectivos de traballadoras e traballadores sanitarios. “Trasladaremos as súas demandas ao presidente da Xunta”, avisou, “que deberá explicar por que non coida deles. Reclaman que se cumpran os acordos do ano 2008 [no bipartito] que estabelecían condicións laborais dignas”.

O portavoz de En Marea relacionou as situacións de Bosch e Poligal coa política industrial de deslocalización e prometeu “loita decidida” contra ela. “Parécenos unha tomadura de pelo que as empresas que reciben fondos públicos poidan facer as maletas e marchar deixando colgados as traballadoras. O Goberno non pode mirar para outro lado”, dixo, antes de acusar a Feixoo de mentir na anterior sesión de control por dicir que non había diñeiro público en Poligal. “Non é verdade”, aduciu, “porque ten numerosas axudas públicas dos investimentos posteriores á reconversión naval”.

De Bosch afirmou que se trata “dun sector precarizado e feminizado”. En Marea quere, ao respecto, a derrogación das reformas laborais de PP e PSOE. Sobre Alcoa, a proposta do seu grupo parlamentario consiste nuha “regulación integral do sector eléctrico con medidas de choque para evitar o peche e outras a medio prazo”.

O problema da vivenda estará tamén entre as iniciativas de En Marea no pleno da semana que vén.

Comentarios