mércores 27.05.2020

En Marea pon en valor a súa pluralidade

En Marea presentou na mañá desta terza feira a súa candidatura pola circunscrición de Pontevedra. Fíxoo nun acto no que os candidatos e candidatas reivindicaron a pluralidade da coligazón da que forman parte Anova, EU e Podemos.

MAREA PONTEVEDRA
MAREA PONTEVEDRA

En Marea enxalzou a súa pluralidade no acto de presentación da candidatura pola circunscrición de Pontevedra. Esta pluralidade da que presumiu a coligazón formada por Anova, EU e Podemos ten a ver co feito de que “se pareza” a Galiza, segundo as candidatas e candidatos. “Gústanos dicir que esta candidatura se parece moito a Galiza, pero non porque sexamos máis ou menos galegas, e por suposto non porque nos fagamos fotos con narcos, senón porque é representativa da nosa sociedade: avogadas, médicas, mestres, pero por suposto tamén empregadas do fogar e mocidade moi ben formada e precaria que por sorte aínda non forma parte de eses 100.000 que emigraron” afirmou a número 2 de En Marea por Pontevedra, Ánxela Rodríguez, militante de Podemos.

Alexandra Fernández: "Hai outro xeito de facer as cousas; o que é necesario é ter vontade política e antepoñer as persoas e os seus dereitos"

Pola outra banda, a número 1 por Pontevedra, Alexandra Fernández, centrou a súa intervención nunha posíbel intervención militar en Oriente Medio."Son das que berramos Non á guerra do Iraq”, subliñou, para pasar despois a se referir á precariedade que padece a maioría social do país. “Hai outro xeito de facer as cousas; o que é necesario é ter vontade política e antepoñer as persoas e os seus dereitos”, reivindicou esta militante.

Mocidade, ecoloxía e emprego formaron parte do discurso dos demais candidatos de En Marea por Pontevedra, que estiveron arroupados polo concelleiro da Marea en Pontevedra, Luis Rei. Os candidatos e candidatos destacaron que a coligazón “vai máis alá das estruturas partidarias”. “A política de En Marea vai sobre a xente, vai sobre nós”, afirmou Ánxela Rodríguez, quen cualificou a formación como “mostra do compromiso da maioría da xente, dese 99% para cambiar todo”.

comentarios