En Marea e Podemos: negociacións rotas e concorrerán en solitario

O candidato de En Marea, Luis Villares, afirma que “non haberá acordo”.

En Marea Luis Villares Beiras coordenadora

En Marea e Podemos concorrerán cada unha pola súa conta ás eleccións galegas. As negociacións entre ambas as dúas para chegar a un acordo están rotas e o propio candidato de En Marea, Luis Villares, afirma nas redes sociais que “as negociacións con Podemos foron cordiais pero non haberá acordo pois non houbo achegamento con respecto á fórmula de concorrencia”. "A xente de Podemos que soubo ler a importancia do momento xa está traballando no noso programa e integrada nas nosas listas", afirma.

"A xente de Podemos que soubo ler a importancia do momento xa está traballando no noso programa e integrada nas nosas listas"

Pode variar isto de aquí até a media noite, hora en que finaliza o prazo para inscribir coligazóns para o 25S? Pode, mais as posibilidades son máis que reducidas. O propio alcalde compostelán, Martiño Noriega, recoñecía na Cadena Ser que non tiña coñecemento de que na axenda houbese novas reunións entre ambas as partes.

Após horas de reunións e coa presenza do secretario de Organización estatal podemita, Pablo Echenique, e Carolina Bescansa, desembarcado esta quinta feira no país para tomar parte nas mesmas, non houbo acordo posíbel. Houbo aproximacións en cuestións como o censo común, mais na cuestión principal, a fórmula de concorrencia, non.

En Marea mantén a súa postura de partido instrumental e Podemos Galiza a súa de que esa liña vermella non a cruza. Procurouse durante horas un ponto de encontro, unha vía propábel, mais non foi posíbel. E esta media noite finaliza o prazo para se inscribir para os comicios galegos. A fórmula xurídica coa que concorrer ás eleccións é o escollo que semella insalvábel.

Marea Galega

En Marea rexistrouse como partido instrumental a mediados desta semana e con tres denominacións: En Marea, En Marea de Galiza e Marea Galega. Esta última denominación semella que é a que ten máis bazas para ser coa que concorrer ás eleccións

Comentarios