Na práctica é un xesto simbólico

En Marea pide ser grupo parlamentar a pesar de non ter usado a fórmula que o podía garantir

En Marea rexistou esta quinta feira a súa constitución como grupo parlamentar, embora vaia ser na práctica un xesto testemuñal ou simbólico. A Mesa non autorizará a conformación do grupo en aplicación do regulamento.

En Marea
photo_camera Parlamentares de En Marea co escrito de constitución do grupo

O regulamento do Congreso é taxativo: deputadas/os pertencentes a un mesmo partido político non poderán facer parte de grupos separados, tampouco o poderán constituír parlamentares pertencentes a forzas que no momento das eleccións non se enfrentaron entre si perante o eleitorado. O 26 de xuño, En Marea obtivo 5 escanos: 2 de Anova, 2 de Podemos e 1 de Esquerda Unida. En aplicación do regulamento, os de Podemos e EU terían de estar no mesmo grupo que o resto de parlamentares desas forzas políticas españolas eleitas no resto do Estado. É evidente, aliás, que nen Podemos nen EU nen Anova se enfrentaron entre si perante o eleitorado.

A forma para salvar este duplo atranco regulamentar tería sido a de rexistar En Marea como partido político -o expediente coñecido como partido instrumental- e non como coligazón de tres forzas pre-existentes, Anova, Podemos e EU. Formalmente En Marea sería unha forza nova e os seus parlamentares serían dela, non dos partidos que a integran agora.

Este foi o criterio defendido en todo momento por Anova, mais non prevaleceu perante a oposición das súas forzas aliadas.

A cuestión do partido político instrumental rebrota con forza con vista á asemblea das mareas do próximo día 30 en Vigo

A diferenza do 20D, En Comú Podem nen sequer amagou agora coa constitución dun grupo propio e rexistou o seu conxunto con Unidos Podemos. 

A la Valenciana, a coligazón de Compromís, si que o vai intentar. Como no caso de En Marea, vai bater coa negativa do resto dos partidos representados na Mesa do Congreso. Os valencianistas anunciaron que, en todo caso, irían ao grupo mixto, para manter a súa personalidade propia.

A cuestión do partido político instrumental rebrota con forza con vista á asemblea das mareas do próximo día 30 en Vigo. Anova defendeu esa vía con vehemencia o Día da Patria Galega, isto é, a constitución dunha nova marca política de afiliación individual. Podemos Galicia, a forza eleitoralmente hexemónica dentro das marés, négase en redondo porque quer preservar a súa existencia como partido político diferenciado.

Declaracións de Alexandra Fernández

Após rexistar a petición de constitución do grupo parlamentar,  e xa dando por suposto que a Mesa do Congreso non a validaría, Alexandra Fernández, en funcións de portavoz, declarou: "Non se pode facer un cambio de cromos nen xogar cos nosos dereitos". A xuízo da parlamentar de En Marea, se finalmente o Partit Demòcrata Català -que tampouco cumpre os requisitos do regulamento- si obtén o grupo, entón o que ficaría "absolutamente en entredito" sería a "legalidade da Cámara".

No comunicado de imprensa servido aos meios, En Marea deixa entrever que o seu futuro está no grupo parlamentar de Unidos Podemos. Afirman, aliás, que mesmo así "terán garantidas na práctica todas as características dun grupo parlamentario (iniciativa política, axenda propia, portavocía…)".

En Marea di avaliar a hipótese de levar o case seguro rexeitamento da súa demanda de constitución como grupo parlamentar ao Tribunal Constitucional.

Comentarios